Conscientes da base de poder que impoñen xeografía e historia, dende Vertixe 9 ofrecemos un espazo sonoro de apertura, un medio para descolonizar a homoxeneización aural practicando fonchos e fendas que desfagan os tapóns auditivos e as prácticas obsoletas.

Cuestionando o dereito á lexitimación, resistindo con forza a tendencia á uniformización e á universalización occidental, abrimos xanelas e operamos buelas que acollan as singularidades nas que reverberan as resonancias do diverso.

Porque fronte ao canon omnisciente e a cultura da exclusión apostamos polas mentes abertas, o traballo entre iguais, os oídos curiosos e atentos, e as intuicións organizadas e astutas coa parcialidade coma condición de ser. 

Renovando os votos de liberdade, independencia e compromiso coa excelencia que asumimos na nosa fundación, e co obxectivo de imprimir un salto de confianza e calidade aceptamos con moita alegría e responsabilidade o convite da ISCM – International Society for Contemporary Music, organizadora dos World Music Days para recuperar a desaparecida ISCM – España, a sección española da institución. Recoñecemento a dez anos de traballo entusiasta cunha vocación irrenunciable pola nova música, dende unha institución centenaria, celebrará seu 100 aniversario o vindeiro ano na dobre sede de Johannesburgo e Soweto nunha edición especial en África baixo a dirección artística de Lukas Ligeti. Unha iniciativa que sitúa a Vertixe Sonora entre os afluentes principais de creación e promoción do patrimonio musical internacional –moitas das grandes personalidades da música do pasado século (Schönberg, Berg, Webern, Bartók, Stravinsky, Ligeti, Varèse, Nono, Lachemann, Schnebel, Boulanger, Saariaho, etc.) estiveron vinculados dun xeito ou outro a esta institución.

Serán oito concertos e dezasete estreas mundiais de outros tantos compositores e compositoras de todo o mundo na segunda quincena de outubro. Comezamos o sábado 16 ás 17h. na IGREXA CONVENTUAL DE SAN FRANCISCO en Pontevedra con UMS’n JIP, dúo suízo formado por Javier Hagen, contratenor e electrónica e Ulrike Mayer-Spohn, frautas de pico e electrónica que presentarán TRES VOCES de Morton Feldman. Cecáis sexa Morton Feldman (Manhattan, Nova Iorque, 1926 – Buffalo, Nova Iorque, 1987) o compositor máis axeitado para describir este periodo de suspensión temporal que acabamos de vivir durante o confinamento. E probablemente estamos agora en disposición de escoitar as súas paisaxes de sons flotando no baleiro dun xeito diferente. Sons entre o tempo e o espazo, entre a pintura e a música, despoxados dos xestos instrumentais convencionais, dos xiros adquiridos na cultura occidental, nunha dimensión global que sostén os elementos en equilibrio, mantendo esta tensión, ou este estado, á vez conxeado e en vibración.

Seguimos con tapices sonoros. Elaborados neste caso por tres compositoras e un compositor. Tamén en Pontevedra no EDIFICIO CASTELAO DO MUSEO DE PONTEVEDRA o martes 19 ás 20h. NOEUD-COL GABBEH. En persa gabbeh significa: natural, cru, intacto, sen cortar. En francés noeud-col nó-cela, a mínima estructura na construcción dunha alfombra. As alfombras persas Gabbeh son tecidas tradicionalmente polas mulleres das tribos nómades do suroeste de Irán. En Noeud-col Gabbeh poderemos transitar na escoita a través das catro estreas mundiais escritas  para arpa, trompeta, trompa, violoncello e percusión. Obras que convirten aos instrumentos en autómatas industriais (Sylvain Marty, FRANCIA), que nos falan das desinencias do tempo nas lembranzas (Alysa Aska, CANADA), das trangresións mor da curiosidade (Yulan Yu, CHINA) ou de acenos que convocan a unha danza (Liao Lin-Ni, TAIWAN)

O domingo 24 ás 19h. no AUDITORIO DA XUNTA DE GALICIA EN CAMPOLONGO, Pontevedra, NUBES E NÓMADAS unha proposta transmedia para ensemble de solistas (6 en vivo, 6 en vídeo) ideada por Carlos Sandoval (MÉXICO). Referente na composición con entornos audiovisuais propón unha reflexión sobre a deriva. Combinando música ao vivo con videos dos intérpretes deambulando polas rúas de Pontevedra (o paseo do río Gafos, o skatepark Mollabao, os arcos da rúa de San Bartolomé, os xardíns de Vicenti…) nun proceso que consegue traspasar as fronteiras físicas suliñando a dualidade do real e o virtual. Completa o programa a nova estrea mundial da chinesa Cong Wei, na que se fusiona soño e realidade; e a obra Lilith de Yulan YU (CHINA) na que se confronta a concepción da feminidade en oriente e occidente a través do mito bíblico de Lilith e o pensamento taoista.

No ESPACIO DE ARTE SVT de Vigo, o martes 26 ás 20h., escoitaremos ao guitarrista Nuno Marques en SLAPBACK. Partindo da improvisación descobrirá formatos sonoros que xurden da confrontación con eventos sociais contemporáneos (Zeitgeist [2], Eric Egan 2019), coas pinturas rococó de Giovani Battista Tiepolo (Clouds, Gregor Forbes 2019), que explora a granulación tímbrica (I1 for Solo Electric Guitar, Zachary Seely 2012) ou mesmo a creación de espazo dende a repetición microtemporal (Slapback de Michael Fiday, 1997).

O 7 de outubro de 1571 o imperio otomán enfrentouse coa Santa Liga Católica liderada por Juan de Austria preto da cidade grega de Náfpakto (Lepanto en italiano). Unha sorte de guerra mundial na época. Alí perdera a mobilidade da súa man dereita con 24 anos Miguel de Cervantes feito polo que recibirá seu famoso alcume. Alí tamén atopará inspiración  -por que?, unha encomenda?- o arquitecto portugués anónimo que creou o magnífico retablo de Nosa Señora do Rosario (absolutamente único pola súa inclusión desa referencia á batalla). O xoves 28 ás 20h. na IGREXA MONACAL CONVENTUAL DE SAN DOMINGOS, Tui, e enmarcada nas actividades que lembran os 450 anos da Batalla de Lepanto presentaremos OFICIO DE ARMAS. Se Alberto Carretero achégase da man de Emilia Pardo Bazán, aos sutís procesos psicolóxicos da sensibilidade feminina en O encaixe roto; o compositor serbio Djordje Markovic suliña en Proximidade aspectos relacionados co ruido e a alienación que pasan inadvertidos na experiencia cotiá. Pola súa banda Otero Moreira homenaxea o noso patrimonio natural no seu novo traballo: Solitarias infindas as sequoias. Presentamos Oficio de armas: o fragor da batalla, a paisaxe calma, e un mundo sen homes; tres imaxes complementarias da guerra e as súas consecuencias. Completa o programa  Point Vermeil (2021) para violín só e electrónica do grande compositor portugués Miguel Azguime

SAÍR [vir] é unha perfomance concebida e deseñada pola artista sonora e visual Yana Shliabanska (UCRANIA) para o panóptico superior do MARCO en Vigo. Activarase en estrea mundial o venres 29 ás 20h. Tres instrumentos melódicos para evocar a historia dos tres heroes ucraínos, homes anónimos, que se mergullaron baixo o reactor nuclear despois da explosión de Chernobyl (Ucraína, 1986) para abrir as válvulas e liberar auga radioactiva.  Cecabes nin sequera se percataran da importancia e perigo da súa misión: seguían ordes.

O sábado 30 de outubro, 20.45h. na CONCATEDRAL DE SANTA MARÍA DE VIGO, Vigo, NOITES BRANCAS. Afectuoso homenaxe a Isaura Abelairas (1951-1921) impulsora e amiga do festival recentemente finada. O programa percorre obras fundamentais da literatura contemporánea para viola sóa levando o instrumento ao límite das súas posibilidades. Un programa articulado a partires da Sonata para viola An den Gesang Eines Engels (Ao canto dun anxo) (1955) de Bernd Alois Zimmermann (1918-70) unha obra escrita en memoria da súa filla Barbara morta a pouco de nacer que inclúe músicas de Israel López Estelche (1983), Salvatore Sciarrino (1947), Francisco Coll (1985), Liza Lim (1966) e a estrea mundial de Rural Ghost* de Chapman Welch (1973)

O derradeiro concerto o domingo 31 de outubro ás 19h. no AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo. TEMPO EXPOSTO E… presenta catro estreas mundiais de Ui-Kyung Lee (Seúl, Corea do Sur, 1984), Adrian Laugsch (Colonia, Alemania, 1997), Chanhee Lim (Daejeon, Corea do Sur, 1985) e Iván Ferrer-Orozco (Cidade de México, 1976) para reflexionar acerca da vida actual e as importantes transformacións nas prácticas políticas, económicas e sociais ás que acontecementos como a Covid-19 e o cambio climático obrigan despois de 300 anos de civilización mecanizada, capitalismo, imperialismo e globalización. Completa o programa o recente traballo de Macarena Rodmanich (Santiago de Chile, 1981) Desertos. Cecabes precisemos dunha comprensión bergsoniana do tempo para acometer desafíos que nos amosen, como en longas exposicións fotográficas, novas dimensións do real, aperturas da percepción consciente previamente inaccesibles.

E propostas de arte sonoro, concertos didácticos, sesións abertas de ensaio e moitas cousas máis…

CONCERTOS

Entrada libre previa inscrición telemática até completar aforamento

sábado 16, 17h | IGREXA CONVENTUAL DE SAN FRANCISCO, Pontevedra
TRES VOCES UMS’N JIP

martes 19, 20h | EDIFICIO CASTELAO DO MUSEO DE PONTEVEDRA, Pontevedra
NOEUD-COL GABBEH

domingo 24, 19h | AUDITORIO DA XUNTA DE GALICIA EN CAMPOLONGO, Pontevedra
NUBES E NÓMADAS

martes 26, 20h | ESPACIO DE ARTE SVT, Vigo
SLAPBACK

xoves 28, 20h |IGREXA CONVENTUAL DE SAN DOMINGOS, Tui
OFICIO DE ARMAS

venres 29, 20h | MARCO Vigo
SAÍR[vir]

sábado 30, 20.45h | CONCATEDRAL DE SANTA MARÍA DE VIGO, Vigo
NOITES BRANCAS

domingo 31, 19h | AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo
TEMPO EXPOSTO E…