• Edicións:




O taller estará dividido en dous bloques independentes. No primeiro, introducirase o contorno Pure Data e traballarase empiricamente sobre distintas técnicas de creación de música por ordenador. O segundo centrarase en como transformar as ditas técnicas en instrumentos musicais máis complexos e, coa intención de formar unha orquestra electroacústica, introduciranse aspectos de interacción musical mediante computadoras, performanceen rede e espacialización.

Bloque 1: Taller de software bending. O punto de partida será unha serie de programas (patches) escritos en Pd e dedicados a xerar e modificar sons de diversa natureza. O contacto con estas técnicas realizarase de maneira activa, manipulando os programas ofrecidos para obter variacións sobre os procesos e os sons iniciais. Dun xeito experimental, os participantes achegaranse a nocións de audio dixital, a técnicas de creación de música por computador e ás características xerais de calquera linguaxe de programación orientada á produción de son/música.

Bloque 2: Orquestra electroacústica. Este bloque centrarase na formación dun grupo de creación colectiva a partir dos medios presentados no encontro anterior. Fabricaranse instrumentos musicais complexos, introduciranse controladores (hardware), tratarase sobre a expansión dos instrumentos en rede con múltiples usuarios e presentaranse diferentes técnicas de espacialización sonora para grupos de computadores e fontes acústicas. O taller rematará coa presentación pública dunha serie de pezas, instrumentos e improvisacións guiadas que exploten os materiais traballados.

 

Ángel Faraldo (Ferrol, 1980)

Compositor, improvisador e deseñador de instrumentos dixitais. Interésanlle especialmente os procesos que explotan recursos mínimos, como demostran o seu ciclo The Feedback Study Series(que abrangue pezas para instrumentos e música electrónica, traballos con danza, e instalacións), o seu sintetizador dixital MISS (que adoita utilizar en concertos de música improvisada, tanto só como en diversas combinacións) ou as súas sonificacións interactivas dos Texworks de Tanja Smit.

Presentou o seu traballo en festivais e salas de Europa e dos Estados Unidos, a súa música edítase libremente en varios net-labels a través de Internet, e a súa actividade como músico electrónico desenvólvese integramente con software libre.

Ademais, dirixe talleres sobre música electrónica e improvisación e colabora como deseñador de instrumentos dixitais e músico electrónico con agrupacións como Modelo62, POW Ensemble ou Fonos21. É membro da formación Vertixe Sonora, coa que participa, desde a súa fundación, en numerosos concertos.

www.angelfaraldo.info

 

DIRECCIÓN: Ángel Faraldo

COORDINACIÓN: Cristina Trigo

 

HORARIO

Bloque 1: 22-23 setembro de 10:00 a 14:00 h

Bloque 2: 3-4 novembro de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h

Presentación pública dos traballos realizados no taller: 4 de novembro ás 20:00 h

DESTINATARIOS

Estudantes, profesionais e persoas interesadas no eido da música e da creación artística con tecnoloxía dixital.

Nota: Os participantes deben dispor dun ordenador portátil e duns auriculares. No inicio do taller facilitaránselles aos asistentes os arquivos de instalación de Pure Data (software libre multi-plataforma de código aberto) canda os materiais dixitais necesarios (programas, documentos en formato pdf, arquivos de son, etc.).

INSCRICIÓN E MATRÍCULA

As solicitudes para asistir ao taller pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos ou ben a través do correo electrónico cgac.actividades@xunta.es, indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo. Hai dúas modalidades de inscrición segundo se desexe asistir ao taller completo ou só a un dos bloques. O prazo remata o 20 de setembro.

O prezo da matrícula para os alumnos que desexen asistir ao taller completo é de 60€. O prezo de matrícula de cada un dos bloques por separado é de 30€ (1º bloque) e 40€ (2º bloque).

Para formalizar a matrícula as persoas inscritas deberán ingresar a cantidade correspondente na conta bancaria número 2080- 0542-36-3040011511 de Novagaliciabanco indicando o nome completo e o nome do taller ou do bloque en que se inscribiron.

O xustificante do ingreso (proporcionado pola entidade bancaria) entregarase antes de que remate o seminario na recepción do CGAC xunto cunha copia do DNI.

O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas participantes.

 

Organizan: CGAC /  Vertixe Sonora Ensemble / Instituto de Sonoloxía de Galicia