Música e arte. Correspondencias sonoras continúa o seu diálogo entre amúsica e a arte do noso tempo a partir das exposicións que cada tempada se desenvolven no CGAC. Con esta nova edición, o ciclo consolídase como unha das citas máis relevantes da creación musical en Galicia. Vertixe Sonora Ensemble, encargada de organizar e desenvolver esta actividade, convida a compositores de prestixio do panorama internacional a crearen doce obras novas coa única premisa de que transiten polas encrucilladas propostas polo Centro Galego de Arte Contemporánea.

Nesta relación entre música e arte conviven creadores de diferentes nacionalidades e culturas, e teñen cabida todas as expresións creativas actuais, co obxectivo de coñecer de primeira man as estéticas máis avanzadas, os compositores máis relevantes e as perspectivas de desenvolvemento máis interesantes da nova música. Como novidade desta cuarta edición, o ciclo complementarase con Protocolos de escoita, unha serie de conferencias de achegamento á música contemporánea vinculadas aos concertos e impartidas polo musicólogo Emilio Lede.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos celebrarase o primeiro dos concertos: Utopía sonora. En correlación cos traballos do artista Miguel Palma e coa súa exposición Desconforto moderno, presentarase un espectáculo para instrumentos e obxectos sonoros que constará dunha obra de Malin Bang (Suecia, 1974), para catro instrumentos e aparellos eléctricos amplificados; doutra de Marianthi Papalexandri-Alexandri (Grecia, 1974), que explorará a percepción visual e sonora, e dunha composición de Manuel Rodríguez Valenzuela (España, 1980), onde os instrumentos son manipulados e transformados acusticamente por diferentes e variados obxectos.

As primeiras estreas absolutas terán lugar no segundo concerto do ciclo, o dedicado á exposición de James Welling, The Mind on Fire. Miguel Farias (Chile, 1983) e Cem Özcelik (Turquía, 1983) escribiron senllas partituras inspiradas na obra do artista norteamericano. Estas pezas completarán un programa no que se escoitará pola primeira vez en España a música de Sergej Newski (Rusia, 1972) e Yoshiaki Onishi (Xapón, 1981) xunto á de Joan Arnau Pàmies (España, 1988).

O segundo bloque de concertos estará dedicado á obra dos artistas Ricardo Basbaum e Graham Gussin. Baixo o título Etcétera, catro compositores —Martín Herraiz (Brasil, 1980), Hannes Kerschbaumer (Italia, 1981), Zesse Seglias (Grecia, 1984) e Marina Poleukhina (Rusia, 1989)— presentarán unha serie de traballos que reflexionan sobre a obra de Basbaum e atopan inspiración nela.

Pecharase o ciclo con Ambiguo e sublime, un programa inspirado na obra de Graham Gussin que contará coa estrea de cinco composicións de Bernardo Barros (Brasil), Marc Antoine Chevere (Francia), Santiago Diez Fischer (Arxentina, 1977), Alireza Farhang (Irán, 1976) e Hugo Morales (México, 1979).

PROGRAMA

Os concertos terán lugar no auditorio do CGAC ás 20:30 horas. A entrada é de balde e a capacidade é limitada.

16 DE MAIO
Utopía sonora
Malin Bang kobushi burui* (2012) saxofón tenor, percusión, piano, guitarra eléctrica e obxectos sonoros
Marianthi Papalexandri-Alexandri Kein Thema (2007) tres intérpretes e obxectos sonoros
Manuel Rodríguez Valenzuela 24(2013) violonchelo amplificado e piano a dez mans


11 DE XUÑO
The Mind on Fire
Sergej Newski Bastelmusik 1* (2003) saxofón alto, violín, piano e percusión
Cem Özçelik eternal curve** (2013) violonchelo, piano e percusión
Yoshiaki Onishi Tr* (rev. 2012) violonchelo e piano
Joan Arnau Pàmies canvas (2010) saxofón soprano, piano e percusión
Miguel Farias Palette** (2013) saxofón barítono, violonchelo, piano e percusión


17 DE SETEMBRO
Etcétera
Marina Poleukhina and add to the neon elk a pinch of tarragon*(2012)frauta de pico, guitarra eléctrica, bailarina e luz de neón
Zesse Seglias Let de music go down** saxofón, clarinete baixo, trombón, contrabaixo e percusión
Hannes Kerschbaumer pedra.drebis** (2013) saxofón, contrabaixo e percusión
Martín Herraiz Bajo el suelo** (2013) saxofón, clarinete baixo, trombón e contrabaixo


8 DE OUTUBRO
Ambiguo e sublime
Alireza Farhang When I do Count the Clock that Tells the Time** (2013) saxofón, violonchelo, piano e percusión
Santiago Díez Fischer Un jardín primitivo** (2013)saxofón, violonchelo, piano, percusión e electrónica
Hugo Morales Generador 1** (2013) saxofón, violonchelo, piano, percusión e electrónica
Charles-AntoineFrechette Toposition(s)#3* (2013) saxofón, percusións, piano, violonchelo, 11 micrófonos e sonorizador


ACTIVIDADES RELACIONADAS:
Protocolos de escoita, curso de iniciación á música contemporánea impartido por Emilio Lede (setembro-outubro de 2013)
Causal, encontro internacional de compositores

*Presentación en España / **Estrea absoluta. Encarga de Vertixe Sonora Ensemble


VERTIXE SONORA
Joaquín Meijide clarinete baixo/ Pablo Coello saxofóns e dirección musical/ Iago Ríos trombón / Jorge Montesviolín/ Criptana Angulo, Thomas Piel violonchelo /Carlos Méndez contrabaixo/ Rubén Barros guitarra eléctrica / Diego Ventoso percusión / David Durán, Haruna Takebe piano/ Ángel Faraldo electrónica e difusión de son/ Ramón Souto dirección artística


DIRECCIÓN DO CICLO: Pablo Coello
COORDINACIÓN: Cristina Trigo