Galego Español English

Presentación


Na súa quinta edición, o Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora 2017 amplía o seu radio de acción incorporando novos espazos de relevancia acústica ou arquitectónica nas cidades de Vigo e Pontevedra.

Cunha marcada identidade artística que aposta pola produción local de coñecemento, o diálogo internacional e o fortalecemento da súa dimensión educativa, o festival expándese polo territorio e continúa a investigar novas estratexias de conexión entre as novas sonoridades experimentais, a cidadanía e os colectivos máis implicados na creación actual.

Serán 11 concertos e 4 estreas absolutas froito do traballo en rede con diferentes institucións internacionais que permitirán que poidamos escoitar por primeira vez en Galicia a Ensemble Sillages (Brest, Francia), Defunensemble (Helsinki, Finlandia), Ensemble Tag (Winterthur, Suiza), e algúns dos mellores solistas do estado como Sisco Aparici (Valencia), Alberto Rosado (Salamanca) ou Roberto Alonso (Vigo), xunto ao compositor chipriota Tychonas Michailidis (Limassol, Chipre).

 O ensemble residente, Vertixe Sonora, percorrerá dúas rutas de modernidade acústica. A primeira, The flickering sound of the signifier, enfrontará o caos e a perturbación esenciais no traballo do activista, compositor e improvisador de orixe israelí Dror Feiler (Israel/Suecia) co delicado refinamento do mexicano Baca Lobera e a mesurada Impalpable/Corporeal de Þráinn Hjálmarsson (Islandia). A segunda, no marco do programa Eleusis de visibilización de mulleres compositoras e artistas sonoras, presentará o derradeiro traballo de Lula Romero (España) Die Wanderung proxecto galardoado co Kompositionsstipendium 2015 do Departamento de Cultura da cidade de Berlin, que estrea seis novas obras escritas para Vertixe Sonora.

O festival programa ademais o obradoiro de improvisación libre de Dror Feiler; as conferencias sobre música e arte sonora na Facultade de Belas Artes,  os programas para primaria e secundaria de MUSICAPORDENTRO, etc. Actividades todas elas que permitirán coñecer os contextos de creación sonora actuais da man dos seus protagonistas.

Unha  aposta estratéxica pola cultura en Galicia valorada internacionalmente pola súa calidade e significación en termos de investigación musical. Unha oportunidade para tomar o pulo da creación sonora en tempo real, realizada baixo criterios de cualificación e rigor na busca da excelencia, o posicionamento na vangarda internacional e a imaxe de marca asociada á innovación que definen a identidade institucional da Universidade de Vigo e o Campus Crea S2i.

Organizado polo Campus Crea S2i da Universidade de Vigo e Vertixe Sonora, un dos colectivos máis destacados na aporta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes, o festival converte o espazo urbano nunha sala de concertos. Explorando novas relación entre os espazos e o público, coa utilización de diversos recintos, públicos e privados, que comparten un compromiso por establecer sinerxías que permiten ofrecer contidos culturais de calidade cun aproveitamento dos recursos e infraestruturas culturais.