Galego Español English

En paralelo

Actividades ao redor do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea 2017

AGUZAR O OÍDO. V Curso de achegamento á música contemporánea

En colaboración co MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ponse en marcha a 4ª edición do curso AGUZAR O OÍDO, proposta de divulgación de música contemporánea e arte sonora. Nesta ocasión, e no contexto do Festival Vertixe, o curso consiste en once charlas previas a cada un dos concertos do Festival. As sesións comezarán 45 minutos antes de cada concerto no espazo correspondente e terán unha duración de 30 minutos. Entrada gratuíta até completar capacidade.

SESIÓNS H.A.L.O. Venres 29 de outubro na sala Monk a partires das 20:00 h.

Improvisación libre con Dror Freiler e outros artistas da escena galega

ALIEN 2017. Obradoiros instrumentais – CSM de Vigo

En colaboración co Departamento de Percusión do Conservatorio Superior de Música de Vigo e do Departamento de Clarinete do Conservatorio Profesional de Música de Vigo

Venres 10 de novembro Sisco Aparici, percusión (coordinador: Vicent Grau) + INFO e inscripción: http://csmvigo.com

Venres 24 de novembro Adam Starkie, do colectivo LVMSC [lovemusic], clarinete (coordinador: Felipe G. Agell)  + INFO e inscripción: http://cmusvigo.gal/

CAUSAL17. Obradoiros, cursos e conferencias de arte sonora e música contemporánea
En colaboración co Grupo de Investigación DX7 da Universidade de Vigo.

Espazo de discusión ao redor da composición de música contemporánea no que compositores cunha traxectoria consolidada e novas promesas do panorama internacional falarán dos procesos creativos que se agochan detrás do seu traballo. cAuSaL está aberto a compositores, instrumentistas, estudantes e aquelas persoas interesadas no acontecer sonoro que desexen achegarse. Entrada gratuíta até completar capacidade.

Venres 29 de setembro 13:00 h. Facultade de Belas Artes, Pontevedra
O non ensino da composición ou o erro coma necesidade
Dror Feiler (Israel/ Suecia)

“O non ensino da composición ou o erro coma necesidade”

Tentáchelo? Fracasaches? Téntao de novo. Fracasa outra vez. Fracasa mellor
É moi difícil escoitar. Moi difícil escoitar aos demais, en silencio ou en ruído. Outros pensamentos, outros ruídos, outras sonoridades, outras ideas.
Cando un escoita, con frecuencia busca atoparse a si mesmo nos outros.
Atopar os propios mecanismos, o sistema, a racionalidade dun mesmo, no outro. Esta é unha forma de violencia totalmente conservadora.
En lugar de escoitar o silencio e o ruído nun mesmo, en lugar de escoitar aos demais, un espera ouvirse a si mesmo unha vez máis. É unha repetición que se volve académica, conservadora, reaccionaria. É unha parede contra os pensamentos, contra o que non é posible, mesmo hoxe, explicar. É a consecuencia dunha mentalidade sistemática, baseada na priori (interna ou externa, social ou estética). Amamos o confort, a repetición, os mitos; á xente encántalle escoitar sempre o mesmo, con esas pequenas diferenzas que permiten mostrar a súa propia intelixencia.
Erro

Se hai un sentido da realidade, tamén debe haber un sentido da probabilidade.
Non é correcto que se eliximos algo, sexa único e adecuado; talvez o que non se elixiu é máis adecuado. No traballo no estudo, na música electrónica, é así. Hai moitos accidentes, casos, erros? erros que teñen unha enorme importancia. Por tanto, o erro é o que vén romper as regras.
O que eu/ nós anhelamos.
Un pensamento musical que transforme o pensamento / escoita dos músicos, en lugar de proporcionarlles novas fórmulas como detrezas que lles permitan facer a así chamada música contemporánea.
Espertar o oído
Talvez é posible tratar de espertar o oído.
Espertar o oído, os ollos, o pensamento humano. A extrema interioridade exteriorizada. Iso é o esencial na música e nas artes hoxe en día.
Fragmentos dun texto de Luigi Nono (1983) procesados por Dror Feiler (o texto orixinal foi traducido por Pedro Alvarez, 2017).

Dror Freiler

Nace en 1951 en Tel Aviv, Israel. Vive en Suecia desde 1973. Intérprete de saxofóns (soprillo, sopranino, soprano, alto, tenor e baixo), clarinete en sib, corno inglés, clarinete contrabaixo e sistemas de son computarizados. Compositor de música para ensembles e orquestras en Suecia, Rusia, Yugoslavia, Serbia, Bosnia, Croacia, Gran Bretaña, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Bielorrusia, Ucraína, Letonia, Austria, Suíza, Francia, Israel, Palestina, Noruega, Alemaña, Xapón, Colombia, México, Estados Unidos, Brasil, Arxentina e España durante os últimos 40 anos.

Co seu ardente sentido da vocación Dror Feiler é recoñecido como un dos principais músicos, compositores e improvisadores de Suecia, e clama pola igualdade de status entre a música improvisada e a composición. “Non podemos deixar de notar como a práctica da composición, con toda a súa historia, levounos de novo ás orixes de toda a música: a improvisación. A improvisación pode ser interpretada como un acto instintivo de tratar de lograr a emancipación nunha sociedade burocrática e tecnocrática”. Nos últimos anos, a súa reputación como músico e compositor está a crecer rapidamente e algunhas dos máis importantes ensembles e orquestras europeas lle encomendaron novas obras (Klangforum Wien, Ensemble Modern, Neo, Vertixe Sonora)

Escribiu e traballou con: Ensemble Modern (Francfort), Zeitkratzer ensemble (Berlín), Ensemble 20. Jahrhundert (Wien), Klangforum Wien, KammarensembelN (Estocolmo), X-pol ensemble (Bremen), Kroumata , Pärlor för svin (Estocolmo), Neo (Suecia), Symphonieorchester deas Bayerischen Rundfunks, SWR Symphonieorchester. Tamén con músicos como: Blixa Bargeld, Merzbow, Mats Gustavsson, Erik Drescher, Carine Levine, Hans-Onda Ericsson, Zbigniew Karkowski, Evan Parker, Fred Frith, Tom Cora, Charles Morrow, Phil Minton, Vladimit Tarasov, Juri Kusnetsov , Shoji Hano, Sergej Kuryuchin, Werner Lüdi, V. Chekasin. Kristine Scholtz e Mats Persson, Sten Sandell, Meira Asher, Rosemary Hardy, Mikael von Hauswolf, Leif Elggren, Kent Tancred.

Ao falar da súa música demostra unha vontade por relacionar música e realidade. “Quero dirixirme aos problemas da vida: Beat the White the rede wedge (Revolución); Schlafbrand (Segunda Guerra Mundial); Deixa que os millonarios se ispan (vinganza dos pobres); Intifada e Halat Hisar (conflito israelí-palestino). A estética en si mesma non me interesa. Aínda máis, penso que é perigosa. Cando compoño ou toco non busco a beleza, senón a verdade”. Con frecuencia describe –cun longo fortissimo– unha loita violenta, pero en relación a Maavak (loita) di: “Maavak non describe a loita, Maavak é a loita”. Dror Feiler mantense activo traballando solidariamente no contexto israelí-palestino desde 1970 (foi un dos iniciadores de “Ship to Gaza Sweden” e é un dos portavoces da organización) e estivo involucrado na pacificación de Colombia desde mediados da década de 1990.

Xoves 19 e venres 20 de outubro. 16:00-20:00. Facultade de Belas Artes, Pontevedra
Espazos compartidos: espazo, material e estrutura na creación sonora
Lula Romero (Programa Eleusis)

Preséntanse diferentes estratexias desenvolvidas no meu traballo recente que exploran o fenómeno do espazo na creación sonora e a súa relación coas categorías de material sonoro e estrutura. Estas categorías e estratexias poranse en relación á súa vez con teorías e prácticas do feminismo e cuestións de igualdade social e se contextualizarán coas obras e ideas de compositores e artistas da segunda metade do século vinte como entre outros Luigi Nono, Iannis Xenakis, Karlheinz Stockhausen, Alvin Lucier, Cornelius Cardew ou Christina Kubisch.

Unha das principais motivacións do relatorio é propor a idea de creación musical como investigación e reclamar o seu potencial de crítica social. Proponse a práctica artística como xerador de teoría e movemento. Desde esta premisa o relatorio divídese en dúas partes. Unha primeira sesión na que desde a análise, mostra e discusión dos traballos concretos da relatora e os mencionados compositores exporanse os conceptos e as diferentes estratexias en relación a espazo, material e estrutura, e a súa lectura social. Na segunda sesión convídase os asistentes a discutir estas ideas. A dinámica desta segunda sesión será a de comentario en grupo por parte dos asistentes de determinados textos propostos na primeira sesión. Este comentario pode ser verbal ou en forma de creación artística desde calquera área da práctica artística. A segunda sesión estará tamén aberta aos asistentes para mostrar traballos da súa creación dentro de calquera ámbito da práctica artística que respondan as cuestións expostas neste relatorio ou a outras posibles novas cuestións que xurdan no transcurso das sesións.

Lula Romero

É titulada Superior de Composición, Profesional de piano, e Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Sevilla e obtén o seu Mestrado en Composición no Royal Conservatoire da Haia. Actualmente cursa os seus estudos de Doutoramento artístico en Composición na Doktoratsschule der Kunstuniversität Graz, Austria. No seu traballo explora o fenómeno do espazo en relación coas categorías de material sonoro e estrutura en relación con teorías e prácticas feministas e de igualdade social.

Romero recibiu, entre outros premios, o GIGA-HERTZ Production prize 2014 do ZKM e EXPERIMENTALSTUDIO da SWR, o Kompositionsstipendium 2015 e 2012 do Senado de Berlin, o Berlin-Rheinsberger Kompositionspreis 2011, e a residencia de traballo no Deutsches Studienzentrum Venedig (Venicia) 2017 do Goberno Alemán. En 2017 foi elixida para un Portrait-CD do selo WERGO, na serie “Edition Zeitgenössische Musik” do Deutsches Musikrat. O CD será publicado a partir do 2019.

Xoves 26 de outubro 18:00 Facultade de Belas Artes, Pontevedra
Sistemas Interactivos para Música (obradoiro)
Dr. Tychonas Michailidis, Southampton Solent University

Este obradoiro presenta diversos métodos e técnicas para a captura e manipulación de datos para procesos de transformación de audio. En primeiro lugar introdúcense e explícanse os principios de interacción, deseño de interacción e práctica dixital creativa. Exploraremos tamén o rol da tecnoloxía nas prácticas creativas e as distintas modalidades de interacción sensorial que existen na actualidade. Analizaremos como o hardware e software dispoñibles poden ser utilizados nun ámbito musical tanto a un nivel compositivo como interpretativo. Examinaremos dunha forma máis específica como capturar información de xestos e tecnoloxías sensoriais para o seu uso na transformación e control de son. Por último, exploraremos a utilización de aplicacións de aprendizaxe das máquinas para a transformación de son. Este obradoiro esta destinado tanto a un público xeral como a compositores e intérpretes interesados en sistemas de creación musical interactivos.

Tychonas Michailidis é un compositor e intérprete de música electrónica nacido en Limassol, Chipre. Despois de estudar piano de jazz nos Países Baixos moveuse a Cambridge, Reino Unido para obter unha licenciatura en música. Alí introducíuse na arte da composición tecnolóxica. Despois diso, trasladouse a Birmingham para cursar unha Mestría en Artes Dixitais. Actualmente é doutor no Conservatorio de Birmingham. A súa investigación céntrase na interacción home-computadora e nas posibilidades hápticas baseadas na tecnoloxía de sensores e a transformación de son en tempo real. Na súa linguaxe sonora combina aspectos da música contemporánea cos medios dixitais transformados. Unha tendencia cara a simplicidade da expresividade musical equilibrada por elaboradas cores sonoras. Actúa regularmente en Grecia, Chipre e Reino Unido. En 2009 formou un grupo dúo co contrabaixista Sebastiano Dessanay para realizar composicións orixinais e improvisacións utilizando diversas tecnoloxías de sensores. Tamén se mantén activo na composición para soporte fixo onde explora as posibilidades de combinación de sons gravados e construídos. En 2006 a súa peza Lady De foi incluída na compilación Works 06 por Ampublishing.org. É membro da Asociación de Compositores de Música Electroacústica Helénica (HELMCA) en Grecia. Ademais, é financiado polo proxecto Integra, un programa europeo dirixido polo Conservatorio de Birmingham, sobre temas técnicos, musicais e de software. É o asesor técnico do Avaton Music Festival.

MÚSICAPORDENTRO17

Concertos

Proxecto de achegamento ao feito sonoro para Primaria e Secundaria. Coordina: Jaime Estévez.

Gratuíto até completar capacidade por riguroso orde de inscrición. + info e inscricións en: info@vertixesonora.net

 Obradoiro de lutería con material de refugallo INTONARUMORI
Martes 10 de outubro 12:30, Bacharelato das Artes do IES de Mos
Co obradoiro artesán Severino García Seijo
Co patrocinio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

En marzo de 1913 o pintor e compositor italiano Luigi Russolo escribía unha carta ao seu amigo e compositor futurista Francesco Balilla Pratella na que sinalaba: “Hoxe en día, a máquina creou tal variedade de ruídos, que a monótona lixeireza do son puro xa non nos provoca emoción algunha”. Tamén propuña “romper este círculo restrinxido de sons puros e conquistar a variedade infinita dos sons-ruídos” así como “substituír a limitada variedade de timbres que unha orquestra procesa […] pola infinita variedade de timbres que se atopan nos ruídos”. Coñecida como A arte dos ruídos esta carta-manifesto é un dos máis importantes e influíntes textos de estética musical do século XX. Russolo adicouse entón a investigar, inventar e crear e compoñer música cos intonarumori, unha familia de instrumentos musicais xeradores de ruído acústico que permitisen controlar dinámicas e alturas en diferentes tipos de ruídos. A orquestra futurista conseguiu reproducir mecánicamente 6 familias de ruídos :
1: Ruxidos con xis, tronidos, explosións, ruxidos, bangs, booms
2: Asubíos, xisss, puff
3: Voz baixa, murmurar, musitar, gorlar
4: Rechíos, humms, fregar, craquelar, caír das follas
5: Sons obtidos mediante o golpear de: metais, madeiras, peles, pedras, cerámica etc.
6: Voces de animais e de xente: berros, laios, choradas, cascabeis, ouveos, ladros, etc

Lamentablemente ningún dos dispositivos orixinais sobreviviu á II Guerra Mundial, tan só conservamos fotografías, a descrición e o deseño dos instrumentos orixinais e algunha partitura. Tomando como referencia estes documentos Severino García Seijo propúxose crear os artellos de Luigi Russolo documentando o proceso de elaboración. Nesta sesión explicará esa investigación, insistindo nas características acústicas e expresivas que ofrecen os diferentes enseños para o seu aproveitamento en contextos musicais.

Con máis de 30 anos de experiencia traballando a arte da carpintería Severino García Seijo posúe un coñecemento preciso das posibilidades acústicas de diferentes materiais físicos. Dende fai cinco anos a súas inquedanzas musicais comezaron a manifestarse nun interese progresivo na exploración de novos artefactos acústicos que posibilitaran ampliar a gama de sons controlados mecánica e eléctricamente para o seu uso en contextos de vangarda sonora experimental.