Galego Español English

Presentación


Con nove concertos, sete estreas mundiais e a presenza de artistas convidados de referencia como o dúo Desjardins-Anzellotti, o KammarensembleN – KeN de Estocolmo, Oh Ton Ensemble de Oldenburg ou o Proyecto OCNOS de Sevilla, o Festival de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora reforza o seu posicionamento no panorama internacional nesta a súa cuarta edición. Unha proposta de programación que recolle o diverso acontecer sonoro da nosa época. Un festival que contribúe ao recoñecemento internacional da nosa comunidade e á construción dunha identidade artística sólida e de prestixio para o territorio.

Nesta edición achegarémonos ás músicas en feminino en Coma espellos dun calidoscopio, un programa comisariado por Elena Rykova que contará coa colaboración da poetisa María do Cebreiro e presenta cinco compositoras e artistas sonoras de diferentes países. Lamentaremos xunto a Alberto Posadas a morte de cancro do seu amigo, o grande Gerard Mortier -que fora director artístico do Teatro Real en Madrid entre 2010 e 2013- a través do seu magnífico Tombeau et Double. Saberemos da crise contemporánea a través da Paixón para xornalista, video, ensemble e electrónica, Voci Vicine/ voces próximas, que trae en exclusiva o Kammarensemblen – KeN sueco na súa primeira visita a España e na que colabora a periodista do Faro de Vigo, Susana Regueira.

Teremos espazo para a ciencia e recrearemos o instrumento de síntese acústica de Koenig (1832-1901) nunha colaboración exclusiva co Institut für Technikgeschichte da Universidade Técnica de Darmstadt para a estrea absoluta de Eduardo Moguillansky Droit sur les cloches.  E tamén conmemoraremos o segundo centenario da erupción do volcán Tambora, que dera lugar ao denominado ‘ano sen verán’  e a aparición de obras mestras da arte e da literatura coma o Frankestein de Mary Shelley, Darkness de Byron ou moitos dos cadros posteriores de William Turner. E, como non, reflexionaremos sobre o ruído, a orde, a desorde ou a entropía co Proyecto OCNOS que nos visita desde Sevilla, con dúas estreas de Germán Alonso e Nuria Núñez.

En paralelo continuará o labor de divulgación cos proxectos didácticos MÚSICAPORDENTRO e PROXECTO ALIEN en colaboración con diversas entidades educativas da comarca e o FORO INTERNACIONAL cAuSaL16 desenvolvido en colaboración co Departamento de Composición do Conservatorio Superior de Música de Vigo e o GRUPO de INVESTIGACIÓN DX7 da Universidade de Vigo.

Empeñados en conquistar novas audiencias interesadas en todo o que soa derredor e convertido nunha das principais plataformas para a difusión da música do noso tempo, o festival transforma unha cidade nunha sala de concertos no outono en Galicia. Nesta cuarta edición ademais son dúas as cidades que acollen o festival: Pontevedra e Vigo. Cidades que exploran novas sinerxías entre os espazos, os sons e a cidadanía, e renova o seu compromiso coa cultura eliminado as barreiras que nos separan da arte.

O festival está organizada por Vertixe Sonora Ensemble, un dos colectivos máis destacados na aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes.


Entrada concerto individual: 8€
Bono festival (6 concertos de pagamento): 30€
Entrada gratuíta ata completar capacidade: Coma espellos dun calidoscopio (13 outubro), O espirro de Fred Ott (12 novembro) e Entropías (27 novembro).

Venda anticipada en www.ataquilla.com