Galego Español English

Turbulencia ou a idea do espazo

Turbulencia ou a idea do espazo
  • Data Martes, 04 de Outubro de 2016, de 20:30 a 21:30
  • Lugar Facultade Belas Artes, Pontevedra

Turbulencia ou a idea de espazo

Achegamento á idea de espazo na filosofía e na música

Comisariada por Luc Döbereiner (compositor)

Coa participación especial de Arturo Leyte (filósofo)

Colaboran: Concello de Pontevedra, Vicerreitoría do campus de Pontevedra da UVigo e Instituto Goethe

PROGRAMA

Edgard Varèse – Octandre (1923)

frauta, óboe, clarinete, trompa, fagot, trompeta, trombón, contrabaixo

Gerard Eckert – Traits – lointain (2006-08)

frauta, óboe, clarinete, trompa, fagot, trompeta, trombón, contrabaixo

Agostino Di Scipio – Modes of interference 2 (2005/06)

feedback con saxofón e electrónica en vivo

Luc Döbereiner – Turbulencia (2016), estrea mundial

frauta, clarinete, óboe, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón

Clara Saleiro frauta / Felipe Agell clarinete / Roberto Baltar óboe / Jesús Coello fagot / Pablo Coello saxofón / Luís Duarte trompa / Sergio Pacheco trompeta / Iago Ríos trombón / Carlos Méndez contrabaixo / Luc Döbereiner electrónica

Propoñémonos entender e experimentar a idea de espazo a través de dous itinerarios: o filosófico e o musical. Dous discursos en paralelo intercalados ao longo dun espectáculo cunha duración total aproximada de 100 minutos. Desde a perspectiva filosófica abordaremos catro concepcións do espazo da man do pensador Arturo Leyte. O programa musical, que expón unha especie de diálogo coa obra mestra de Edgar Varèse Octandre, e que escoitaremos a modo de preámbulo, foi comisariado para a ocasión polo compositor alemán Luc Doberëiner, que tamén presentará a estrea mundial da súa nova obra Turbulencias para oito instrumentos e electrónica.

O concerto inclúe diferentes obras para instrumentos de vento que tratan o concepto do espazo na composición. Un espazo que actúa como mediador entre o pensamento estrutural, a calidade física do son e a súa produción e xa non depende do movemento do son nun espazo acústico determinado.

Os propios instrumentos musicais serán concibidos como espazos; espazos de resonancia acústica ou espazos simbólicos estruturados por dixitacións, posicións e distancias. Utilizan o espazo instrumental como fonte para a creación de xestos musicais, explotando simultaneamente a abstracción da forma e o concreto do material. A obra Octandre de Edgard Varèse expón unha idea de espazo en conexión cun novo concepto da forma, que se comprende como un proceso material máis alá da forma arquitectónica. Aquí o pensamento compositivo ten lugar nun espazo que é tanto virtual como material.

Luc Döbereiner, marzo 2016

AS OBRAS

Octandre (1923). Edgard Varèse

para 8 instrumentos

Contemporáneo estrito do Octeto de Stravinsky, Octandre foi escrita para sete instrumentos de vento e un contrabaixo. É con Density 21.5 o único traballo de Varèse que non emprega percusión. Tamén é a única obra que se divide en movementos encadeados. Non é por iso menos típica do estilo e da técnica do compositor —deliberadamente á marxe da tradición, feroz inimigo do desenvolvemento—, para o cal o timbre, parámetro crucial da propia composición, se afirma como un elemento estrutural esencial. “O que sorprende desde o principio”, escribe Arthur Hoérée, “é a inusual e extrema instrumentación. A frauta alcanza un dó sostido sobreagudo, o fagot un re, o trombón paséase no rexistro medio da trompeta. O flatterzunge (vibración da lingua que produce un son vibrante) úsase de forma constante etc.” Cada movemento de Octandre iníciase cun solo instrumental que nos mostra, no entanto, que para Varèse as liñas melódicas seguen tendo importancia. O primeiro movemento, “Assez lent” [bastante lento], comeza e termina cun só de óboe, mantido na introdución polo clarinete e o contrabaixo. O segundo movemento “Très vif et nerveux” (moi vivo e nervioso), é introducido por un frautín solista. E conéctase co terceiro movemento, “Grave”, por medio da nota mantida do contrabaixo sobre o que se insire un solo de fagot, que precede a un fugato “animado e xubiloso”, con entradas sucesivas en imitación de óboe, fagot e clarinete.

Traits – lointain (2006-2008). Gerard Eckert

Partindo de estados de feedback, que remiten a arquetipos ou procesos pasados, as cousas presentes inscríbense en folios destes estados do feedback e, partindo do agora, fíxanse novos camiños ou fíos de enerxía.

Estruturas superficiais polimorfas cuxas figuras resultan das interferencias das capas estruturais subxacentes que, pola súa banda, só se revelan como momentos filtrados ou momentos de feedback.

Restos – refugallos – como cargadores de impulsos e enerxía, que inician momentos do presente e do futuro – pero tamén incluíndo imprevisibles, posibles.

Modes of interference 2. Agostino Di Scipio

Di Scipio crea unha rede de interaccións: non compón a propia estrutura de resonancia propia da peza, se non máis ben un conxunto de posibilidades para que o intérprete experimente no son. Todos os elementos da peza (a electrónica en vivo,o saxofón, e o entorno) están conectados e interaccionan entre si. Constitúen un sistema dinámico, implementado polo compositor. saxofón no só participaproducindo unha variedade de materiais ruidosos, tamén actúa coma un dispositivo de control e coma un filtro dentro dun bucle de retroalimentación de audio. Isto require do intérprete unha nova actitude hacia o instrumento, así coma novas formas de escoitaereaccionar ante os eventos sonoros que emerxen durante a interpretación

Turbulencia. Luc Döbereiner

A obra investiga esta equívoca espacialidade dos instrumentos acústicos e ten o obxectivo de desenvolver novos modos de describir o son construído un “hiperinstrumento” consistente nunha rede electroacústica de instrumentos. Nas distintas etapas da composición usaranse medios tecnolóxicos. Por unha banda, os espazos simbólicos de cada instrumento van ser cartografados utilizando tecnoloxías de bases de datos que os fagan accesibles ao procesamento algorítmico, de xeito que se permita a súa exploración segundo certos criterios. Doutra banda, utilizaranse os espazos interiores dos instrumentos como espazos de resonancia a través de pequenos altofalantes e micrófonos colocados no seu interior. Así os instrumentos tamén se converterán nos altofalantes da electrónica, podendo intercambiar materiais e xerar son a través da retroalimentación nos seus espazos interiores.

Luc Döbereiner, 30 de xaneiro de 2016

———–

OS COMPOSITORES

Edgar Varèse. París, 1883-Nova York, 1965

Un dos compositores máis influentes do século XX, famoso polo seu concepto da música como conxunto de entidades móbiles de son non dependentes da melodía ou da harmonía, senón do timbre (cor), da masa e da relación espacial. Foi un dos pioneiros do desenvolvemento da música electrónica. Naceu en París, educouse en Francia e Italia. Estudou enxeñería, pero dedicouse posteriormente á música contra a vontade do seu pai. Entre 1907 e 1915 viviu en Berlín e a continuación estableceuse na cidade de Nova York. En 1918 comezou a súa principal creación, Amériques, para grande orquestra, obra que mostra unha certa influencia de Claude Debussy e de Igor Stravinski pero que, ao tempo, crea un universo sonoro sen precedentes onde os acordes e as sonoridades (incluídas sirenas e erupcións explosivas de son) son tratados coma entidades independentes máis ca como parte dunha secuencia melódica ou harmónica.

Nos anos vinte e trinta, Varèse explorou estes conceptos noutras obras súas como Hyperprisme (1922) para vento e percusión, Arcanes (1927) para grande orquestra, Ionisation (1929-1931) para 13 percusionistas, e Densité 21,5 (1935) para frauta soa composta para Georges Barrère. A súa obra Déserts (1954, revisada en 1961) integra sons gravados en cinta con instrumentos de vento, percusión e piano. Na exposición mundial de Bruxelas presentouse a gravación de Poème électronique (1958) que foi retransmitida a través de 425 altofalantes situados en diferentes puntos do Philips Pavilion (deseñado polo arquitecto Le Corbusier), utilizando así a arquitectura do edificio como parte integrante do deseño espacial da música. Varèse tamén participou na fundación do Gremio Internacional de Compositores en 1921 e da Asociación Panamericana de Compositores en 1927. Ambas as organizacións tiveron un papel crucial na difusión da obra de Aaron Copland, Charles Ives, Carl Ruggles, Carlos Chávez e do propio Varèse. Este compositor entendía a arte musical como simple organización de sons e os resultados das súas teorías e da súa práctica foron extraordinariamente novos.

Gerald Eckert. Nuremberg, 1960

Estuda violoncello e dirección. Posteriormente cursará Matemáticas en Erlangen e, de 1989 a 1995, Composición, primeiro con Wilfried Jentzsch e Walter Zimmermann, despois con Nicolaus A. Huber, e Composición Electroacústica con Dirk Reith na Folkwang-Hochschule de Essen.

Asistiu a cursos de composición con Brian Ferneyhough e Jonathan Harvey. Entre 1996 e 1997, pasou un ano como investigador no CCRMA de Stanford University nos Estados Unidos. En 1998, foi profesor no Curso Internacional de Verán para a Nova Música de Darmstadt e no Festival Akiyoshidai no Xapón. En 2000-2001 foi profesor convidado de Composición e Arquitectura na Technische Universität Darmstadt.

En 1995 recibiu unha bolsa da Fondation Royaumont (Francia) e en 1999 unha bolsa da Heinrich-Strobel-Fondation. Foi compositor en residencia nos Tage für Neue Musik de Zúric en 2006. Ademais, desenvolveu unha variedade de proxectos multimedia con danza, vídeo e instalacións interactivas, como, por exemplo, a Dance project co bailarín e coreógrafo Mikael Honesseau en 2011.

Gerald Eckert recibiu numerosos premios e galardóns, entre eles o Premio C. Gulbenkian (Lisboa, 1993), o Premio Kranichstein (Darmstadt, 1996), primeiro premio en Bourges 2003, primeiro premio no Concurso de Composición de Stuttgart 2005 e bolsas para o Centro Tedesco en Venecia 2006, Schreyahn 2009, Villa Aurora (Os Ánxeles, 2010), Villa Serpentara (Olevano Romano, Roma, 2010), Künstlerhaus Lukasen (Ahrenshoop, 2013) e un segundo premio do Festivals SYNC (Yekaterinburg, Russia, 2015).

En 2013 a editorial Wolke publica un monográfico co título An dean Rändern deas Maßé – der Komponist Gerald Eckert (Nos límites da dimensión – o compositor Gerald Eckert).

Desde 1989 traballa nas súas propias pinturas e organizou unha serie de exposicións e instalacións desde 1994. En 1995, 2006 e 2014 publicou relevantes catálogos.

Gerald Eckert é cofundador dos festivais Chiffren (Kiel, 2006) e ProvinzLärm (Eckernfoerde 2007, 2009, 2011, 2013 e 2015). De 2012 a 2014, Gerald Eckert foi profesor de Composición na Chung-Ang University en Seúl (Campus Anseong, Corea do Sur).

Agostino Di Scipio. Nápoles, 1962
Compositor, artista sonoro, estudoso da tecnoloxía da música e das artes. Comezou como autodidacta a ocuparse do son e a música, así como da programación informática e do teatro experimental. Posteriormente graduouse en composición (con G. Bizzi e M. Cardi) e música electrónica (con M. Lupone) no Conservatorio de L’Aquila. A partir desas experiencias formativas, desenvolveu unha experimentación e investigación que o levou a explorar métodos pouco comúns de xeración de son, moitas veces en relación aos fenómenos de ruído e turbulencia, sistemas de procesamento dixital do son, cadeas de transdución electroacústica e condicións ambientais circundantes. Os seus traballos máis coñecidos inclúen electrónica en vivo e instalacións sonoras, onde se aplican principios cibernéticos e redes de interaccións sónicas “home-máquina-entorno”; por exemplo, a serie Ecosistemico Udibile (2002-2005) e a máis recente Modi di interferenza (2006-2012). En 2001, xunto co poeta Giuliano Mesa, escribiu Tiresia, unha mestura de recitado de poesía e electroacústica (anteriormente xa explotara este medio en Sound & Fury,  unha  colaboración co fotógrafo Manilio Prignano e o poeta Eugenio Tescione). Co pianista Ciro Longobardi publicou Electronic Music for Piano de John Cage (Stradivarius) e co saxofonista Mario Gabola desenvolve un proxecto de improvisación electroacústica radical, principalmente baseado en circuítos analóxicos reciclados (Upset, Viande Records). Na primavera de 2011, a galería de arte sonora de Berlín “Galerie Mario Mazzoli” organizou unha exposición das instalacións de Di Scipio titulada Sound. Self. Other.
Foi artista residente do DAAD en Berlín (2004-2005), profesor de música electrónica no Conservatorio de Nápoles (2001-2013) e L’Aquila (dende 2013); tamén foi profesor na Universidade Técnica de Berlín (2007) e convidado a varias institucións (Universidade CSC de Padua, Simon Fraser University – Vancouver, Sibelius Academia – Helsinki, Universidade de Calgary ou a Universidade de Edinburgo). Tamén ensinou na CCMIX – París, IRCAM – París, a Universidade de París 8, a Universidade de Illinois, etc.)
Algúns dos seus numerosos escritos pódense atopar recollidos no libro Pensare le archeologie del suono e della musica (Editorale Scientifica, Nápoles, 2013).

Luc Döbereiner. Berlín, 1984

Compositor e investigador berlinés. Cursou estudos de licenciatura e mestrado no Instituto de Sonoloxía da Haia e fixo o seu doutoramento na Universidade de Música e Artes Dramáticas de Graz. O seu traballo trata a relación entre os aspectos materiais e os aspectos ideais do son na composición. O seu pensamento artístico confórmase na oscilación entre a teoría estética, o desenvolvemento tecnolóxico e a praxe compositiva. Entre os seus profesores cóntanse Gerhard Eckel, Richard Barrett, Kees Tazelaar, Karlheinz Essl, Clarence Barlow, Konrad Boehmer e Paul Berg. Döbereiner publicou en revistas científicas como Acta Musicologica, Computer Music Journal, Contemporary Music Review e kunsttexte.de.

Recibiu premios e bolsas do Conservatorio Real da Haia, do Ministerio de Economía e Investigación de Austria, de STEIM Amsterdam, do Senado de Cultura de Berlín e residencias en ROLDO Graz, ZKM Karlsruhe, Künstlerhaus Schleswig-Holstein e no Centro Tedesco dei Studi Veneziani. Traballou con ensembles como Unitedberlin, Ensemble Werktag, Sond’Ar-te, International Ensemble Modern Academy e Modelo62. As súas composicións presentáronse en Alemaña, Austria, Suíza, Os Países Baixos, Portugal, España, Francia, Eslovenia e Os Estados Unidos.

———–

O RELATOR

Arturo Leyte

Arturo Leyte é catedrático de Filosofía na Universidade de Vigo. O seu traballo e publicacións centráronse na hermenéutica, o idealismo alemán, a filosofía grega e a estética. Editor e tradutor de Schelling, Hölderlin e Heidegger, é autor dos seguintes libros: Las épocas de Schelling (Akal,1998), Heidegger (Alianza, 2005) e El arte, el terror y la muerte (Abada, 2006).

Como chegar
  • Facultade Belas Artes
  • Calle Maestranza 2, 36002 - Pontevedra