Galego Español English

Recoller cascallos

Recoller cascallos
Recoller cascallos
  • Data Xoves, 23 de Novembro de 2017, de 20:30 a 21:30
  • Lugar Casa do Saber, Lugo
Organización
  • Organiza Vertixe Sonora

L’Imaginaire de Estrasburgo mantén unha posición singular entre os ensembles europeos: traballa coas obras de compositores contemporáneos como o faría un comisario de arte, pensando os proxectos en detalle, para interpretalos da mellor maneira e integralos no seu repertorio. É un grupo no que os creadores atopan intérpretes entregados, dispostos a desenvolver novos conceptos musicais como parte dunha acción colectiva.

Neste concerto, Recoller cascallos, os compositores son Filippo Perocco, Andrea Sarto e Nicolas Mondon. Filippo Perocco (1973) é un dos compositores italianos máis importantes da súa xeración. A súa peza Detriti da canti precari caracterízase por un devir fragmentado, no que os elementos do conxunto instrumental se dividen en partes, conectados a unha sonoridade fráxil. A presenza do músico, o espazo e o sentimento temporal desconectado da peza forman parte dunha dramaturxia musical que conxuga unha forma rapsódica cunha escritura detallada. Andrea Sarto (1979) compuxo Toccata para L’Imaginaire en 2016. Concibiu a peza sobre a idea do xesto musical; a repetición dos movementos físicos xeran ruídos e sons complexos. Xunto aos movementos do corpo, as respiracións regulares dos músicos tamén forman parte da estrutura da peza, que se relaciona coa esencia mesma da fisioloxía da produción sonora. Por último, Nicolas Mondon escribiu Trio tamén en 2016. Nesta peza para piano, frauta e saxofón, o piano utilízase como elemento crucial do conxunto: a multifonía, os perfís melódicos e os ritmos forman parte dun rico e colorido vocabulario musical que evoca a John Cage, Lachenmann e Pesson. Esas pezas forman parte da produción musical máis contemporánea e dan unha mostra importante das novas tendencias na composición.

Como chegar
  • Casa do Saber
  • Praza Pío XII, 27001 - Lugo