Galego Español English

Memorias líquidas

Memorias líquidas
Memorias líquidas
  • Data Mércores, 21 de Xuño de 2017, de 20:30 a 21:30
  • Lugar Museo Galego do Entroido, Xinzo de Limia
Organización

Memorias líquidas
con Luis Bittencourt
Mércores 21 de xuño ás 20:30 h
Museo Galego do Entroido, Xinzo de Limia

PROGRAMA:

Tan Dun. Water Music (2004) para auga
Luis Bittencourt. Directionlessness (2017) para vibráfono, 5 tubos de vidro e electrónica                    Vinko Globokar. Dialog über erde (1994) para multipercusión
Luis Bittencourt. Memorias líquidas (2014) para waterphone solo e live loops

Luis Bittencourt, percusión

En distintos períodos históricos, a auga ten servido de inspiración para poetas, pintores, compositores e filósofos: un dos catro elementos da filosofía de Aristóteles, elemento indispensable no traballo do arquitecto André Le Nótre no Palacio de Versailles en París e tema de Leonardo da Vinci no libro Del moto e misura dell’acqua, onde describe sofisticadas investigacións sobre as propiedades físicas do líquido.

Entre os compositores, hai máis de dous séculos que a auga ten sido musa, fonte de inspiración e medio de traballo para a creación de obras notables. A auga, en estado natural, trae consigo características propias da linguaxe musical ao representar ‘a máis frecuente, variada e rica fonte de sons da natureza’ (Luigi Russolo, 1916). O timbre característico xerado pola auga corrente dun río ou mesmo os ritmos producidos pola caída das primeiras pingas de choiva no chan fan da auga, máis do que outros elementos da natureza, a substancia esencialmente musical do mundo.

Memorias líquidas é un concerto con obras para percusión que utilizan a auga como obxecto de exploración artística, sexa de forma simbólica ou mesmo real, a través da manipulación do líquido como instrumento musical. Ademais de lles render unha homenaxe á auga como un elemento precioso para a vida humana e aos compositores que a utilizaron como inspiración para a creación de obras peculiares da música dos séculos XX e XXI, este espectáculo procura instigar a curiosidade e, ao mesmo tempo, contribuír a achegar o público á estética musical contemporánea a través da gran familiaridade que teñen as persoas con este elemento.

Sobre Luis Bittencourt

Luís Bittencourt é un músico brasileiro nacido en 1981 que reside actualmente no Porto, Portugal. Os seus traballos máis recentes abranguen a música contemporánea e a música experimental. As súas interpretacións integran distintos instrumentos: a percusión orquestral (vibráfono, marimba, multipercusión etc.), a percusión popular e étnica (pandeiro, cuíca, kalimba, bombo legüero etc.), os instrumentos excepcionais como o waterphone e as fontes sonoras experimentais (obxectos do cotián e elementos como a auga, a madeira, a pedra, entre outros).

A guitarra acústica e eléctrica tamén estiveron presentes en boa parte da súa formación e, por iso, son instrumentos que emprega, aínda hoxe, nas súas intervencións. Máis alá da música, Luís Bittencourt ten interese especial nas artes visuais, fotografía, danza e cinema, e procura crear conexións entre estas modalidades e a música, integrando os novos medios e a percusión.

Deu concertos en países como Portugal, España, Italia, Inglaterra, Alemaña, Brasil e Estados Unidos de América. As súas interpretacións inclúen primeiras audicións das súas propias composicións e obras de compositores como Christopher Deane, Tan Dun, Edson Zampronha e Vinko Globokar. Participou en festivais de arte e música contemporánea xunto a Lee Ranaldo e Leah Singer (Sonic Youth), Phill Niblock, Kuniko Kato, Alessandra Pomarico, Ney Rosauro, Helga Davis, Katherine Liberovskaya, Jeffrey Zeigler (Kronos Quartet), Alegre Corrêa, David Sheppard, Paola Prestini, Sound Found Nation, Jon Rose, Alí Hossaini, Gabriel Prokofiev (Non Classical), David Cossin (Bang on a Can), Miquel Bernat & Drumming GP, Srosh Ensemble, Angélica Salvi, Mina Tindle, Oh Petroleum ou Emily Hall, entre outros.

Luís Bittencourt tamén procura desenvolver un traballo que engloba a composición e a improvisación. Xa compuxo e interpretou ao vivo bandas sonoras para espectáculos teatrais e creacións específicas para danza contemporánea. As súas obras buscan combinar o refinamento dos timbres da música erudita contemporánea coa enerxía performativa de xéneros musicais como o rock, o jazz e o minimalismo.

Ademais da súa actividade como solista, forma parte dos grupos N.O.F.P. (Nova Orquestra Futurista do Porto) e Srosh Ensemble, ambos dedicados á música experimental contemporánea, do Ensemble de Gamelão da Casa da Música (música tradicional da Indonesia), de Tríptico (trío instrumental dedicado á música popular da América Latina) e dun proxecto en dúo coa arpista Angélica Salvi.

Como chegar
  • Museo Galego do Entroido
  • Rúa Dous de Maio, 27, 32630 - Xinzo de Limia
  • Teléfono 988 68 06 90