Galego Español English

COMA ESPELLOS DUN CALIDOSCOPIO

COMA ESPELLOS DUN CALIDOSCOPIO
  • Data Martes, 07 de Xuño de 2016, de 20:30 a 21:30
  • Lugar Sala Emilia Pardo Bazán, Ourense
  • Concerto www.vertixesonora.net

Martes 7 de xuño ás 20:30

Sala Emilia Pardo Bazán no Edificio de Ferro do campus de Ourense da UVigo (Ourense)

Colabora: Campus de Ourense e Unidade de Igualdade da UVigo

PROGRAMA

ANNA ROMASHKOVA (RU). Just shine a little (2014) para violín só

DANIELA FANTECHI (IT). Noch (2016, versión revisada) para saxofón, guitarra eléctrica, percusión e piano

ELO MASING (EST). Studies in resonance II (2013) para piano só

TANIA LANFER (BR). Lai de bisclolet (2008) para saxofón e percusión

ANN CLEARE (IR). The square of yellow light that is your window (2014) para saxofón, piano, percusión e guitarra eléctrica

María do Cebreiro poemas e recitado

VERTIXE SONORA ENSMBLE
Mario Peris violín, Pablo Coello saxofón, Diego Ventoso percusión, David Durán piano, Rubén Barros guitarra eléctrica

De xeito análogo ao que acontece noutros ámbitos da creación, a presenza das mulleres na música, ou máis ben a súa visibilidade, é moi deficiente. Ademais, a primacía estruturalista nas relecturas históricas da música elude as mulleres como figuras equiparables aos homes, sen considerar a súa imposibilidade real de consolidar unha produción artística continuada e unha carreira profesional que en épocas pasadas se antollaba inconcibible.

As carreiras truncadas por mor da presión social e familiar replícanse constantemente. Novas e prometedoras compositoras que, tras unha presenza esporádica no circuíto, rematan no eco da historia coma devotas irmás ou esposas de, e circunscriben a súa influencia a un ámbito íntimo: Nannerl Mozart, Fanny Mendelssohn, Clara Schumann, Alma Mahler (este caso é especialmente flagrante), as irmás Boulanger… Deste xeito, é frecuente que na práctica os percorridos temporais salten desde o século XII, cunha personalidade ineludible como Hildegard von Bingen (que contaba co favor da inxenuidade das infraestruturas musicais da época), ao XX para atopar o nome dalgunha muller de marcada relevancia no ámbito da creación musical (Pauline Oliveros, Sofiya Gubaidúlina, Kaija Saariaho…).

No eido da interpretación vocal e instrumental, sen ser un percorrido carente de dificultades, é certo que a muller na actualidade ten una situación normalizada —unha transformación vertixinosa que xulga de estrambóticos e antediluvianos vetos como o que, por disonancias estilísticas xenuinamente machistas, padecera a clarinetista Sabine Meyer hai tan só 32 anos no seo dunha Filharmónica de Berlín formada exclusivamente por homes. Merece, en calquera caso, un pormenorizado estudo identificar que instrumentos son máis habituais nas mulleres e cales non, que e por que se priorizan determinadas estéticas ou metodoloxías de traballo etc.

Parece claro que esta normalización está aínda pendente no caso da dirección orquestral e da composición, e non é tan doado atopar mulleres que se dediquen a estas disciplinas. O mesmo ocorre nas programacións de concertos que seguen patróns estereotipados nos que están ausentes obras feitas por mulleres.

No campo da composición musical e da creación sonora contemporáneas, estamos máis ante un problema de visibilidade ca de actividade real, aínda que é lóxico pensar que a primeira poida incidir na segunda: un fío que une a falta de visibilidade coa carencia de oportunidades e a inclusión nas programacións, e remata no abandono da actividade creativa.

Ignacio Barcia, marzo 2016

COMA ESPELLOS DUN CALIDOSCOPIO

Así como a semántica dun calidoscopio fai referencia a nocións da Grecia Antiga como “beleza” e “observación de formas belas”, o noso proxecto amalgama todas estas referencias nunha inmensa corrente de poesía musical, chea de detalles peculiares que a rotación calidoscópica da imaxinación descobre. Só brillar un pouco, un solo de violín de Anna Romashkova (Rusia), Noch, de Daniela Fantechi (Italia) para un saxofón, guitarra, percusión e piano, Estudos en resonancia II, un solo de piano de Elo Masing (Estonia), Lai de Bisclavret de Tania Lanfer (Brasil) para saxofón e percusión e O cadrado de cor amarela clara que é a túa xanela de Ann Clar (Irlanda) para saxofón, piano, percusión e guitarra

Elena Rykova, febreiro 2016

Presentamos un programa de música e poesía que reivindica a diversidade da feminidade na música contemporánea actual a través da obra de mulleres compositoras en activo de distintas orixes, estética e culturas. A selección musical e a concepción do programa foi realizado pola compositora rusa Elena Rykova, residente en Harvard, no eido das colaboracións internacionais que anima Vertixe Sonora. A proposta complétase coa participación da poeta galega María do Cebreiro, que recitará poemas entres as pezas de música.

AS OBRAS

Just shine a little (2014) para violín só. Anna Romashkova

Just shine a little (Só brilla un pouco) é un estudo do tempo como estrutura dun proceso físico e mental e como condición da posibilidade do cambio. Tamén o é sobre o amor, a enerxía, a gratitude e o autoperfeccionamento.

The square of yellow light that is your window (2014) para saxofón, piano, percusión e guitarra eléctrica. Ann Cleare

Esta peza ten moito que ver cos ollos. Imaxina dúas criaturas diferentes: a primeira é unha libélula, con ollos tan grandes como para cubrir case a totalidade da súa cabeza, que lle dá a aparencia de levar casco e un campo de visión completo de 360 graos. Os seus ollos compóñense de 30.000 unidades visuais chamadas ommatidia, e cada unha delas contén unha lente e unha serie de células sensibles á luz. Tamén conta con tres ollos máis pequenos chamados ocelli, que poden detectar movementos máis rápidos do que serían capaces os máis aguzados dos ollos compostos. Estes ocelli envían a información visual rapidamente aos centros motores da libélula, o que lle permite reaccionar nunha fracción de segundo. Aínda que sexa un pequeno ser, todo o seu corpo está cuberto de potentes células de detección lumínica.

A segunda é unha criatura con múltiples brazos, un ser que vive nas augas profundas do océano, onde moi pouca luz pode infiltrarse. Debido á escuridade extrema do seu hábitat, esta criatura escavadora adaptouse á vida sen ver, e basea a súa supervivencia no desenvolvemento máximo doutros sentidos. Dispón dun sistema nervioso disperso e, en cada brazo, un cerebro propio e unha boca complexa con múltiples órganos da fala. Cando se sente ameazada, pode rodar nunha bola apertada e sacar os seus brazos por riba de si mesma, formando unha rede defensiva que cobre a totalidade do seu corpo.

Imaxinemos agora que estruturas similares a estas están presentes na peza, que un trío de piano, percusión e guitarra eléctrica forman unha biosfera sonora autónoma, cega e impermeable. E o saxofón, no extremo contrario, é unha retina xigante con miles de células sensibles á luz, como a libélula.

Debido ás súas habilidades de detección de grande alcance, o saxofón posúe un autocontrol e axilidade alleo ao trío: pódese conectar coa natureza salvaxe e indómita do trío, pero tamén ten a capacidade de equilibrarse cara a un centro de estabilidade e concentración. E o máis importante, pódese ver coma un elemento vital que o trío esquecera, debido tanto ao seu hábitat de ton negro como aos seus outros sentidos moi desenvolvidos: os seus ollos. Para o saxofón, a representación sonora destes “ollos” proporciona unha pequena xanela de luz na arquitectura do trío, unha luz cara á que pode guiar o trío, animalo a sintonizar con algo diferente á súa previa concentración miope e megalómana. A xanela que se abre reorienta e contemporiza a estrutura global do trío, o que lle permite ver de novo e observarse a si mesmo e a súa contorna desde un ángulo diferente.

A compulsión por escribir The square of yellow light that is your window (O cadrado de cor amarela clara que é a túa xanela) xorde en parte dos pensamentos de Oscar Wilde, que, creo, elixín por ser das máis atentas e convincentes xanelas imaxinables a través das que ver o mundo. Particularmente relevante para esta peza é o seguinte texto: “estamos todos na cuneta, pero algúns de nós están a mirar as estrelas”.

Estudos de resonancia II (2013) para piano só. Elo Masing

Estudos de resonancia II, para piano só, continúa as miñas exploracións persoais nas posibilidades do instrumento que xa comezara no dúo para piano Estudos de resonancia escrito en 2011. Igual ca no dúo, Estudos en resonancia II ten moito que ver co propio feito físico de tocar o piano, dándolle instrucións precisas ao intérprete para o uso de partes das mans e dos brazos non convencionais, de tal modo que, finalmente, a notación coreografía se refire aos movementos do intérprete. Na interpretación, os aspectos visuais da peza son case tan importantes coma os aurais.

Estudos de resonancia II foi escrita para o pianista australiano Zubin Kanga, quen a estreou en marzo de 2013 en Londres.

Lai de bisclavret (2008) para piano só. Tania Lanfer

Un lai é un tipo determinado de canción composta principalmente en Francia e Alemaña, entre o século XII e finais do XIV. Designaba orixinalmente un poema breve de varias estrofas con formas diversas (e músicas que non se repiten), que servía de conclusión para un relato.

Bisclavret, lobishome, é un conto reescrito pola escritora francesa Marie de France (século XII). Conta a historia dun home que, en certos períodos do mes, se transforma en lobo. A historia ten xiros interesantes e a idea de transición dun estado a outro era unha imaxe que dalgunha maneira quería ter en conta ao compoñer a obra. Pero esta peza non trata do relato. En realidade, coma calquera outra das miñas pezas, non trata de ser máis ca o que xa é. Podería dicirse que talvez a relación entre a historia e a peza é a idea de dúas identidades coexistentes e a loita pola emerxencia. Cando escribín Lai de Bisclavret, estivo presente a metamorfose de dous modos diferentes de escritura: unha, moi controlada, como en calquera sistema no que un pequeno cambio nun aspecto dará lugar a cambios cruciais en todo o complexo, e outra relacionada coa idea de suspensión das normas ou leis que limitan os dereitos fixos preestablecidos. Giorgio Agambem di do conto: “A transformación nun home lobo correspóndese perfectamente co ‘estado de excepción’ durante un tempo no que (necesariamente limitado) a cidade se disolve e os homes entran nunha zona na que xa non son distintos das bestas”.

Noch (2016, versión revisada) para saxofón, guitarra eléctrica, percusión e piano. Daniela Fantechi

Peza para cuarteto construída sobre un curto e lixeiro diálogo entre fragmentos de asonancias e xestos baleiros de son. A idea da repetición é central e conduce a un senso de estancamento. Só en momentos moi contados o material musical parece avanzar, intentando ir máis aló, pero nunca acada un desenvolvemento real e volve caer na súa fragmentación suspendida.

———–

AS COMPOSITORAS

Tania Lanfer

Tania Lanfer é unha compositora e pianista de São Paulo (Brasil). Despois de graduarse na Universidade de São Paulo na especialidade de Piano (2005), foi estudante convidada no estudo Elektronische en Technische Universität (2006) de Berlín (Alemaña), durante máis de seis meses. Viviu dous anos en Stanford (California, Estados Unidos), onde estudou composición con Erik Ulman. Actualmente está a realizar o seu doutoramento en Composición Musical na UCSD – Universidade de California, San Diego, con Roger Reynolds.

Ann Cleare

Ann Cleare é do condado de Offaly, en Irlanda. En 2005 graduouse na University College Cork, onde foi galardoada co Premio Memorial Mary V. Harte. En 2008, recibiu un M. Phil. en Composición da UCC, onde estudou con John Godfrey e Jesse Ronneau e onde tamén traballou como profesora durante dous anos. Actualmente está a terminar un doutoramento en Composición na Universidade de Harvard, baixo a supervisión de Chaya Czernowin e Hans Tutschku.

A súa música foi interpretada en varios lugares de Europa, Australia e América, e presentada en festivais como The Gaudeamus Week (Os Países Baixos, 2010), The Wittenertage fur Neue Kammermusik (WDR, Alemaña, 2012), Horizons (Irlanda, 2013), International Music Institute Darmstadt (Alemaña, 2014), Bludenzer Tage zeitgemäßer Musik (Austria, 2014), IMATRONIC Festival of Electronic Music (ZKM, Alemaña, 2014), MATA (New York, 2015) ou Taschenopernfestival (Salzburgo, 2015).

Traballou con Ensemble SurPlus, 175 East, The Crash Ensemble, The Callithumpian Consort, Quatuor Diotima, The International Contemporary Ensemble, The Chiara String Quartet, Collegium Novum Zürich, ELISION, The National Symphony Orchestra of Ireland, JACK Quartet, Divertimento Ensemble, Ensemble Apparat, Ensemble Nikel, +/- ,The Curious Chamber Players, Yarn/Wire, Ensemble Mosaik, The Experimental Ensemble (SWR Studios, Freiburg), Ensemble Chartreuse, Talea Ensemble, Österreichisches Ensemble für Neue Musik, The BBC Scottish Symphony Orchestra, e solistas como Carol McGonnell, Richard Craig, Heather Roche, Bill Schimmel, Benjamin Marks, Patrick Stadler, Carlos Cordeiro, Ryan Muncy, Richard Haynes e William Lang.

Entre os proxectos actuais e futuros inclúense novas obras para a Orquestra Sinfónica Nacional da Radio Televisión de Irlanda, para a clarinetista Carol McGonnell e o conxunto de cámara The Argento, para o Ensemble Recherche, para o Trío Fidelio, para o ensemble ELISION, e unha peza para trompa soa estendida escrita a Samuel Stoll.

As súas honras e premios inclúen The IMRO/Feis Ceoil Composition Competition (2007), o Premio ao Compositor do Festival de Música de Cámara The West Cork (2008), Bolsa Millennium do Bank of Ireland (2009), a bolsa de investigación do The Experimentalstudio Freiburg des SWR, varias bolsas do The Arts Council Ireland, a nominación ao Premios Gaudeamus (2010), o premio de composición Blodgett (Harvard, 2010), o premio Adelbert W. Sprague (Harvard, 2013), The Staubach Honoraria for Darmstadt 2014 e unha encomenda do MATA para 2015.

En 2007 realizou o Curso Internacional de Verán para Compositores de Akademie Schloss Solitude, onde traballou con Chaya Czernowin, Steven Kazuo Takasugi e Ole Ludwig Holm. De 2008 a 2009, asistiu aos Cursos para a Composición e Música Tecnoloxías no IRCAM. Traballou como compositora residente no Festival Coral Internacional 2005-2008.

Ann está representada polo Centro de Música Contemporánea de Irlanda e as súas pezas son publicadas polo Proxecto Schott Nova York. Actualmente vive e escribe á beira do mar en Dublín (Irlanda).

Anna Romashkova

Anna Romashkova naceu en 1985 en Khimki, rexión de Moscova (Rusia). Estudou Composición e Teoría Musical no Conservatorio Estatal de Moscova P. I. Tchaikovsky. De 2010 a 2015 participou en clases maxistrais de Chaya Czernowin, Brian Ferneyhough, Klaus Lang, Marc Andre, Rebecca Saunders, Mathias Spahlinger, Pierluigi Billone, Georges Aperghis, Johannes Kreidler, Vladimir Tarnopolsky. As súas composicións presentáronse en numerosos festivais internacionais de música, incluíndo a Bienal de Venecia, Darmstadt Festival, Foro de Moscova, Moscova Outono, Outro Espazo (Rusia). A súa música foi interpretada en varias cidades de Rusia, Os Estados Unidos e Europa. Colaborou co conxunto Talea (Nova York), o Estudo da Nova Música de Conxunto (Moscova), Moscova Contemporary Music Ensemble, Mark Pekarsky Conxunto de Instrumentos de Percusión, Innovox (Nova York), a Fundación Prol Arte Ensemble (San Petersburgo), GAM-Ensemble (Moscova), Ensemble Nostri Temporis (Kiev), Ensemble Wiener Collage (Viena), Ministerio de Defensa Orquestra (Moscova), Orquestra Sinfónica Grande PITChaikovsky (Moscova). A súa música foi transmitida en Rusia, Alemaña, Suecia, México e Hong Kong.

Daniela Fantechi

Graduouse con honra no Mestrado de Musicoloxía na Universidade de Florencia en 2009. Estudou composición musical no Conservatorio Luigi Cherubini en Florencia desde 2006. Asistiu a varios seminarios e obradoiros con Beat Furrer, Helmut Lachenmann, Daniele Bravi, Toshio Hosokawa e Mark André. Especializouse en pedagoxía e música para nenos co curso Música Bambina en 2009. Desde 2012 está a colaborar con Tempo Reale en varios proxectos. Desde 2010 forma parte dun colectivo de músicos de diferentes orixes centrado na improvisación radical e na realización de partituras gráficas para compositores contemporáneos.

Elo Masing

Compositora estona instalada actualmente en Londres (Reino Unido). A maioría da súa música recente explora a fisicalidade instrumental na música de cámara e céntrase nas relacións coa coreografía. Actualmente é candidata doutora na Royal Academy of Music (Londres) e, coa axuda da academia, recibe aulas particulares de Rebecca Saunders.

As súas pezas foron internacionalmente interpretadas polo Mmm… Ensemble en Tokyo (O Xapón) e polo Platypus Ensemble no Wiener Konzerthaus (Austria). Xa en 2012 foi seleccionada polo LSO Soundhub Schem e no mesmo ano gaña o Premio de Composición Alan Bush pola súa peza Studies in resonance para dous pianos, encargados polo DuoDorT e presentados no álbum Quantulum en outono de 2012 co financiamento do Arts Council de Inglaterra.

———–

A POETA

María do Cebreiro naceu en Santiago de Compostela o día 5 de xullo de 1976. É doutora en Teoría da Literatura e profesora na Universidade de Santiago de Compostela. Publicou os libros de poemas O estadio do espello (1998), (Nós, as inadaptadas) (2001), Non queres que o poema te coñeza (2004), O barrio das chinesas (2005) e Os hemisferios (2006). Traduciu e escolmou cancións de mulleres afroamericanas en Damasnegras (2002) e adaptou ao galego a obra Tres vidas, de Gertrude Stein (2006). É autora dos ensaios As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (2004) e As terceiras mulleres (2005).

 

 

Como chegar
  • Sala Emilia Pardo Bazán
  • Edificio de Ferro do campus de Ourense da UVigo - Ourense