LATEXOS
Obradoiro

Rastros Sonoros

Xoán Xil

1/6/2019 - 9/11/2019

 

Proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo

RASTROS SONOROS: REXISTRO SONORO DO CAMIÑO PRIMITIVO. INTERVENCIÓNS SONORAS

Rexistro sonoro do Camiño Primitivo a través de gravacións ao redor das paisaxes, entendidas como espazos naturais ou construídos dende a percepción e os coñecementos individuais e colectivos compartidos polos axentes da comunidade que o habitan, aqueles que o visitan e a comunidade especialista que o usa como obxecto de investigación, inspiración e reflexión. O achegamento á natureza dase como aproximación, escoita e recoñecemento. Empregando medios sonoros e interactivos nos que se involucra ao espectador-usuario-participante, realízase unha cartografía que narra a historia dos espazos sociais dende os seus habitantes e o seu ambiente sonoro.

Realizaranse gravacións das paisaxes sonoras do camiño primitivo, buscando a participación de alumnado de centros educativos, da poboación local e dos/as peregrinos/as Estas gravacións de campo servirán de inspiración artística musical, nun obradoiro de creación artística musical xunto co alumnado dos centros colaboradores, onde se creará unha peza musical inspirada nas diferentes paisaxes.

Deixándose levar pola inspiración, os murmurios, vibracións, tacto e os sons rexistrados, o proxecto propón percorrer de novo a paisaxe da zona materializado en forma da nova peza sonora composta, á vez que se participa metaforicamente da propia presenza como habitante no territorio real, que lugar ocupamos e que rastros deixamos, sexan físicos ou sonoros.

A peza composta en inspiración dos Rastros Sonoros, será interpretada nos diferentes concertos que terán lugar en Lugo, Sobrado dos Monxes e Melide. Participarán nesta actividade o alumnado de diferentes centros educativos.


Latexos I – Peza sonora a partir dos rexistros sonoros realizados polos membros do Ensemble de Clarinetes do Conservatorio Profesional de Música Xoan Montes de Lugo, alumnado do EIS Nosa Señora dos Ollos Grandes (profesor Miguel Díaz) e polos membros da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la provincia de Lugo.

Lugares: Muralla Romana de Lugo, espazo natural do Miño-Neira

Latexos II – Peza sonora a partir dos rexistros sonoros realizados polo alumnado do IES de Arzúa.

Latexos III – Peza sonora a partir dos rexistros sonoros realizados polo alumnado do IES de Melide e do Conservatorio Profesional de Música

Xoán-Xil: formador para os rastros sonoros
Artista sonoro e investigador cun traballo que xira en torno á práctica fonográfica (gravación de campo) e a experimentación sonora adquirindo a forma de instalacións, situacións inmersivas de escoita, composicións, performances e textos.

Estudou musicoloxía e doctorouse en Belas Artes coa Tese Sinal/Ruído. Algúns usos da paisaxe sonora no contexto da arte, centrada na utilización dos sons ambientais na creación contemporánea.

Forma parte dos proxectos Mediateletipos (arte sonora), Ulobit (improvisación) e Voltage Opposite (danza), e colabora con diferentes formacións como o ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora, a compañía Gigacircus ou a proposta de música electrónica Haarvöl.

É un dos co-fundadores de Escoitar.org, un colectivo interdisciplinar adicado ao estudo da paisaxe sonora e a auralidade (dimensión cultural da escoita), que estivo activo desde 2006 a 2016. Entre os traballos realizado neses anos cabe destacar as instalacións Air, sound and power (Banquet. Nodes and networks, ZKM, Karlsruhe), El Angel (ARTe SONoro. La Casa Encendida, Madrid), Continent Rouge (Mai Numérique, Carcassone), en colaboración con Gigacircus, ou White Walk (Gateways. KUMU, Tallin), as tres últimas deseñadas con noTours, unha plataforma de xeolocalización sonora desenvolvida polo propio colectivo.

Impartiu obradoiros, seminarios e conferencias sobre arte sonora e gravación de campo en universidades como o o Art|Sci de UCLA, o Centre de Recherche sur Center de Recherche sur l’Espace Sonore et l’environnement urbain (CRESSON, Grenoble), o Instituto Europeo dei Design (IED), a Universidade de Atenas, a Universidade de Porto ou A Universidade Carlos III e en centros de arte como o Museum of Contemporary Art ZKM (Karlshruhe), CCMEX (México), Laboral (Xixón), A Térmica (Málaga), Matadero (Madrid), ARTIUM (Vitoria), Medialab Prado (Madrid) ou CGAC (Santiago de Compostela).

Ten comisariado o ciclo de conferencias e obradoiros Arredor do Son e a exposición Diafonías. 6 Instalacións Sonoras 1, o encontro sobre paisaxe sonora Cartografías de Escoita. Son e lugar

e o ciclo de cine Audivisións. Desde 2014 co-dirixe o festival de arte sonora e música contemporánea Sons Creativos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Participou na redacción/coordinación de contidos para a publicación sobre arte sonora en España MASE, para o Encontro Internacional de Creación Sensxperiment ou para o proxecto europeo de investigación sobre memoria e escoitaEuropean Acoustic Heritage (EAH) e colaborou coa Radio do Museo de arte Reina Sofía (MNCARS).

 

Enlaces
Xunta de Galicia
Xacobeo