LATEXOS 21
Concerto

Encrucilladas

Toshio Hosokawa, José María Sánchez-Verdú, Noriko Miura, Jacobo Gaspar

Domingo 28 Febreiro / 19:00H
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Lugo
Lugo

RESERVA PREVIA DE ENTRADAS

かへり見れば
行きあひし人
霞み けり
Cando mirei cara atrás
o home co que me cruzara
esvaecérase na néboa
 

Masaoka Shiki (1867-1902)


Shikoku Henro
, o camiño Shikoku, a ruta dos 88 templos budistas na máis pequena das illas do arquipélago nipón ten a súa orixe no século IX. Consiste nunha peregrinación circular de 1.400 quilómetros de lonxitude nun entorno natural espectacular, moi apreciado por persoas que procuran unha conexión fonda, complexa e sensible, coa natureza. Atribuída a Kūkai, 空 海, (774–835) monxe xaponés, funcionario público, erudito, poeta e artista, famoso como calígrafo e enxeñeiro e fundador da corrente Shingon; Camiño de culto, estudo e introspección, o Shikoku Henro, doce séculos despois, mantén a súa esencia para o medio millón de persoas que o percorren cada ano.

Como na Ruta Xacobea, no Shikoku Henro pódese percorrer un tramo específico, pero a diferenza doutras vías non ten un comezo nin un final estritos. O habitual é camiñar no sentido das agullas do reloxo, simbolizando as distintas etapas do proceso de meditación que, en paralelo ao camiño físico, percorre o peregrino (“espertar, disciplina, iluminación e nirvana”). O templo Ryozenji na cidade costeira de Naruto, famoso polos seus xigantes remuíños en cada cambio de marea, tende a considerarse como o templo número 1; sendo o 88 o de Okuboji, situado na cidade de Sanuki, cuxa contorna está declarada paisaxe sonora de Xapón pola musicalidade única das súas campás.

O dispositivo instrumental, dous pianos, representa precisamente a Galicia e a illa de Shikoku en Xapón despregando a ollada de tres compositores para reflexionar na dicotomía filosófica, que establecen o Camiño de Santiago e a ruta de peregrinación xaponesa.

As dúas rutas de peregrinación crúzanse en 2015 a través dunha irmandade chamada a aumentar o entendemento mutuo e os intercambios culturais. Xapón e Galicia, que malia a abismal distancia física teñen tantas características comúns na paisaxe, na hospitalidade ou no seu respecto polas tradicións, suman o espírito de concordia das súas rutas nas que o paso dos camiñantes ao longo dos séculos enriquece as súas aldeas.

Toshio Hosokawa (Xapón, 1955) Yoru no kuni [País da noite] (1981) 2 pianos
José María Sánchez-Verdú (España, 1968) Arquitecturas en branco e negro (2009) 2 pianos amplificados
Noriko Miura (Xapón, 1968) Zwei Augen [Dous ollos] (2014/17) 2 pianos
Jacobo Gaspar (España, 1975) Nōkyōchō / Libro de Escoitas II* (2020) 2 pianos

*Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

VERTIXE SONORA David Durán, Haruna Takebe pianos


OBRAS

Yoru no Kuni [País da noite]
Yoru No Kuni, de 1981, de Toshio Hosokawa é unha partitura que estivo durante décadas esquecida logo dunha única audición, na estrea, e de que o compositor decidira non incluíla posteriormente no seu catálogo. Non son páxinas editadas pero foron redescubertas e recuperadas por David Durán así como (re)estreadas por Vertixe Sonora en 2017 directamente dende o manuscrito. A composición inspírase nun poema do poeta e dramaturgo surcoreano Kim Chi-Ha e trátase da única obra de Hosokawa de explícitas connotacións políticas. Estamos ante unha obra de material sonoro e recursos técnicos situados na vangarda europea máis experimental; na temática apunta claramente ao seu profesor Isang Yun e na factura técnica ao seu amigo e mentor Helmut Lachenmann (e á Musique Concrète Instrumentale).

Arquitecturas en branco e negro
No vasto e (re)coñecido catálogo de Sánchez Verdú aprécianse como unhas constantes os seus amplísimos intereses culturais, inquedanzas que inclúen o eido literario (de Goytisolo á literatura árabe e persa, por exemplo), unha exquisita interacción co cine  (
Nosferatu. Eine Symphonie des Grauens de Murnau e La chute de la maison Usher, de Epstein), unha aquilatada relación coas artes plásticas; e un espcial vencello con outras músicas (a medieval, a renacentista e tamén aquelas doutras culturas como é precisamente a xaponesa –chegando mesmo a incorporar instrumentos tradicionais nas súas composicións).

O uso no título da palabra Arquitecturas, –que conforma xa todo un subxénero na súa produción–, fai referencia a un proceso constructivo de elementos estructurais que se repiten na súa música. En canto á súa fascinación pola cor, podemos ubicala dentro da súa relación con outros ámbitos sensoriais: «Para mí es muy importante la sinestesia. Al trabajar determinados tipo de obras con ruidos, alturas, resonancias, timbres concretos, etc., los asocio a determinados colores, texturas, matices…»

Neste caso as cores son dúas: o branco e o negro, y dentro delas múltiples matices así como unha obvia referencia ás cores do teclado do piano. O marcado carácter desta composición imprímese dende unha tímbrica moi definida con sons apagados, opacos (procedentes das cuerdas muteadas ou dende o propio ruído dos pedais) e un extraordinario tratamento textural nos singulares e suxestivos procesos repetitivos que dirixen as enerxías cara resonantes silencios e convidan a unha «profunda escoita». En efecto, son moi oportunos os propios termos do compositor ao describir as súas obras: enerxías, repeticións, silencios, laberintos, «peregrinaciones a través de la materia».

Zwei Augen [Dous ollos]
O psicólogo xaponés Hayao Kawai sinala nos seus textos como esencial a necesidade de “dous ollos”. Son os ollos os que intentan comprender unha situación en tres dimensións combinando máis de dúas miradas precisas segundo a situación nese momento. Aquí, “ollo” substitúese pola palabra “mirada”. Desde tempos antigos moitos pensadores describían dualidades de varios mundos, dous aspectos que se inclúen simultaneamente nun mesmo obxecto, como a luz e a escuridade, o movemento e a quietude, a presenza e a ausencia, realidade e irrealidade. Hoxe en día, nunha sociedade chea de información, existen circunstancias para que a xente poida cultivar a mirada. Non obstante, debido en gran parte á globalización, os dous ollos que posuímos orixinalmente simplifícanse por un lado. o risco de perder unha ollada. Os textos de Hayao Kawai como aviso á idade actual. Compuxen esta peza para dous pianos como dous ollos. Os dous pianos observan o mesmo obxecto e ao mesmo tempo teñen dúas perspectivas. Ademais, explorei a tridimensionalidade do son e a música dun xeito que non se podía producir cun só piano.

Noriko Miura, 2014

Nōkyōchō  / Libro II de Escoitas
Un Nōkyōchō é o caderno no que se rexistra a visita dos peregrinos a cada un dos templos que compoñen a ruta de peregrinación xaponesa coñecida como Shikoku Henro, ruta circular na que se percorren 88 templos budistas e que se coñece tamén como o Camiño de Santiago xaponés.
Esta obra trata de establecer unha reflexión arredor da dicotomía que estas dúas vías de peregrinación exhiben atendendo ás diferencias na súa traxectoria, que nun caso é lineal e no outro circular. Así, podemos relacionalas respectivamente con dúas concepcións temporais distintas, unha, a lineal propia do pensamento occidental moderno e, outra, a circular que nos remite ao mundo oriental en xeral e que está intimamente ligada aos ciclos da natureza.
Os libros de escoitas son un serie de pezas que, a través de distintos camiños poéticos, amosan experiencias de escoita diferenciadas dun mesmo instrumento, como se fosen páxinas distintas dun mesmo libro sonoro. Neste caso, o orgánico instrumental empregado está conformado por dous pianos, o que nos permite doblar espacialmente as posibilidades da fonte de partida.

Jacobo Gaspar Grandal, 2021.

 

Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura e Deporte