Outros concertos e actividades 2020
Concerto performativo

Brumario

Javier Martín, Vertixe Sonora

Sábado 24 Outubro / 20:30H
8€/10€
Teatro Colón
A Coruña

Brumario agroma a partir dun interese compartido na procura de novas linguaxes, a improvisación como rigor escénico e o encontro entre disciplinas artísticas.

A proposta inicia no 2018 como un”proxecto de investigación e creación en código aberto” que parte do “concepto de vibración como lugar que atravesa e conforma ambas disciplinas”. A retroalimentación entre movementos e sons. prodúcese porque o bailarín leva un sistema de microfonía que funciona como sensor da acción que os instrumentos amplifican e modifican mediante altofalantes de vibración. Estes elementos e a manipulación dos instrumentos por parte dos intérpretes permiten xerar sons orixinais froito da interacción. Instrumentos, músicos e bailarín acaban converténdose, todos eles, nun corpo ampliado que emite e recibe vibracións.

A partir desa premisa o compositor Ramón Souto coa colaboración especial do artista visual Ignacio Barcia e o iluminador Octavio Mas incorpóranse ao proxecto no 2020 para desenvolver a idea inicial e redirixila na creación dun proxecto escénico pechado de carácter híbrido que continuará a desenvolverse nas súas diferentes presentacións oscilando entre a performance, o concerto e a instalación.

Coincidente co paso do Sol por Escorpio –entre o 22, 23 ou 24 de outubro e o 20, 21 ou 22 de novembro, segundo o ano– e proposto por Fabre d’Églantine para referirse ás “brétemas e brumas baixas transudación da natureza de outubro en novembro” Brumario (en francés Brumaire) é tamén o nome do segundo mes do calendario republicano francés. O 18 de brumario do ano XVIII (o 9 de novembro de 1799) Napoleón deu o golpe de estado que marca o final da Revolución francesa.

brumario | Vertixe Sonorae Javier Martín
Concepción: Javier Martín e Ramón Souto
Dirección escénica e coreográfica: Javier Martín
Composición e dirección musical: Ramón Souto
Iluminación: Octavio Mas
Dispositivos sonoros: Nacho Barcia e Ramón Souto
Intérpretes: Pablo Coello (saxofón), David Durán (piano), Diego Ventoso (percusión)
Movemento: Javier Martín
Produción: Sabela Mendoza e Vertixe Sonora
Técnico de son: Mateo Barcia
Co apoio do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (INAEM).
Agradecementos a De corpos presentes, Teatro Colón, CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea),

Mosteiro de Sobrado dos Monxes, Conservatorio Superior de Musica de Vigo e os Conservatorios Profesionais de Música de Lugo e Compostela.