Outros 2021
Instalación sonora

Recordoleterlorintorel

NEG – Alejandra Pombo Su, Jorge Varela, Misha Bies Golas, Diego Vites

23/7/2021 - 19/9/2021

Sorteando as xerarquizacións para as que fumos adestrados unha parte importante da nosa cultura está a traballar extradisciplinarmente. Liberarse dos corsés da propia disciplina é recoñecer límites e faltas e defender procesos de desaprendizaxe que permitan aprender algo novo. Vertixe Sonora convida con moita expectación á Nova Escultura Galega a desenvolver unha instalación sonora ideada específicamente para o espazo da Fundación Laxeiro a partir de textos e audios do propio Laxeiro coa urxencia imperiosa de combater esas forzas limitantes de decadencia disciplinaria. E no contexto do XXV aniversario do seu pasamento retoma unha colaboración coa Fundación Laxeiro cargada de futuro.

RECORDOLETERLORINTOREL
Co título RECORDOLETERLORINTOREL, Laxeiro escribe en 1978 un currículo para a súa exposición na Galería Torques de Santiago de Compostela que non deixa de ser, cos seus estraños lugares e nomes, unha crítica sarcástica ás institucións que conforman o círculo da arte. Anos despois podemos velo e escoitalo falando en “eslovaco” no programa Galicia sitio distinto dirixido por Antón Reixa e emitido pola TVG. Nese “eslovaco” que sacrificaba o plano semántico para explotar o nivel fónico de aparencia idiomática, resoábanos o poema de Lewis Carrol, Jabberwocky, a Jitanjáfora de Alfonso Reyes ou o Gíglico de Cortázar e, como non, eses idiomas como o Latín dos canteiros, o Barallete, ou o Trampitán de Xan da Coba Gómez. Precisamente lembrabamos a este último ao visitar a exposición de Raymond Roussel en Serralves, hai xa dez anos, e situalo como un precedente grotesco do surrealismo.

Ao disfrazar as palabras e recubrilas dunha aparencia sonora estraña, Laxeiro disfrazábase, un ser outro, coma nos seus cadros carnavalescos ou coma na imaxe na que aparece como escultor, con mono e pico, aparentando esculpir unha pedra. Imaxes de entroido, nas que a tradición se aparta para que calquera cousa nos axude a transformarnos por un momento: dende a bolsa do supermercado, até a caixa de cartón, dende o mono de mecánico á sulfatadora.

Se monxa, repetida unha morea de veces muda en xamón, en que se converte un currículo despois de repetilo un cento?

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere conmemorar o XXV aniversario do pasamento de Laxeiro incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, recordalo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre a súa figura.

NEG (NOVA ESCULTURA GALEGA)
Colectivo formado por Misha Bies Golas (Lalín, 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986) no ano 2018. A súa práctica artística remite á tradición artesanal galega, como tamén aos conceptualismos dos países do Leste europeo dos anos 70. Realizaron una extensa compilaçión e intercambio de documentos e arquivos, así como viaxes de estudo a varios países de Europa, publicando “Cadernos da NEG”. A súa presentación pública coma colectivo aconteceu no CIAJG (Centro Internacional das Artes José de Guimarães), no contexto da exposición “Complexo Colosso”.

COLABORACIÓN ENTRE A FUNDACIÓN LAXEIRO E VERTIXE SONORA
A relación da Fundación Laxeiro coa arte sonora e a música contemporánea, como parte da súa liña de apoio á nova creación, comezou en 2001 co Festival Internacional de Música Contemporánea Enrique Macías que a partir da súa III edición cambiou o nome por Festival Internacional de Música Contemporánea Fundación Laxeiro, e tamén con ciclos como o Ciclo de Compositores do século XXI e colaboracións puntuais con Vertixe Sonora. Con Recordoleterlorintorel, unha intervención na que o son é un dos elementos principais, a Fundación Laxeiro recupera esta liña de traballo e quere facelo ademais, con vocación de continuidade, contando co colectivo Vertixe Sonora que nos últimos anos son unha referencia imprescindible na difusión da música contemporánea ao máis alto nivel.