Alén da arte sonora e da música contemporánea

O son como material

Ignacio Barcia

jueves 10 mayo
14:30H
IES de Mos
Mos

A peza propón activar significados e sentimentos, máis ou menos latentes e compartidos por calquera, na contemplación dun fenómeno físico cotián como é o remuíño que se produce nun líquido ao saír desde un contedor. Pretende proporcionar unha experiencia que aúne o visual, o sonoro e a presenza obxetual, considerando as dimensións espacial e temporal. Pode entenderse como unha escultura nun senso amplo, sendo trazos escultóricos a ocupación espacial ou a evidencia dos materiais utilizados. É significativo no resultado final a natureza deses materiais: desde a auga aos obxectos fabricados ou os dispositivos mecánicos, pero tamén hai que considerar o son como un material máis da obra. A intervención pretende promover a realización por parte dos alumnos de variacións que resulten da utilización dos mesmos procesos ou elementos.

Ignacio Barcia (Madrid, 1960) é Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, e doutor en Belas Artes pola de Salamanca, onde foi profesor durante once anos. Desde o ano 1996 é profesor de escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro do que foi Decano.

Dende 1990 expón individualmente o seu traballo de creación artística en diversas galerías de prestixio de Madrid, Barcelona, Valladolid, Sevilla, Zaragoza, Valencia… participando en diversas feiras de arte contemporáneo. Así mesmo, o seu traballo foi exposto en moitas exposicións colectivas de índole nacional e internacional en galerías e centros de arte de Vigo, Madrid, Barcelona, Bilbao, Burdeos, Valencia, Berlín, París, Hannover ou Amsterdam,

Comisariou e organizou diversas exposicións, en xeral vinculadas á súa tarefa docente. Desde 2014 ata 2018 foi coordinador da Sala X, Sala de exposicións do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.