VIII Festival Vertixe Sonora 2020
Universo Macías: Así Pasen 25 Anos
Concerto acusmático. Filme. Conversa

La lyre du Désert

Enrique X. Macías, Manuel del Río

viernes 6 noviembre / 20:30H
Auditorio Martín Códax
Vigo

Je ne confonds pas la solitude avec la lyre du désert. Le nuage cette nuit qui cerne ton oreille n’est pas de neige endormante, mais d’embruns enlevés au printemps.
Lettera amorosa, René Char

Non confundo a soidade coa lira do deserto. A nube que rodea o oído esta noite non é de neve adormecida, senón de néboas arrincadas da primavera
Lettera amorosa, René Char

Nesta sesión presentarase en exclusiva o documentario de Manuel del Río Enrique X. Macías: A lira do deserto. Culminará a xornada unha conversa entre o director do filme e o director artístico de Vertixe Sonora, Ramon Souto moderada por Paco Yáñez (mundoclasico)

La Lyre du Désert (1988) de Enrique X. Macías toma o seu título emprestado da cita de René Char que encabeza este texto; inspirado á súa vez na peza musical homónima de Monteverdi, nese xogo escheriano de interseccións infinitas tan querido por Macías. Música electrónica en homenaxe a René Char estreada no Institut National de l’Audiovisuel de París, o 19 de febreiro, precisamente o día do deceso do símbolo da resistencia francesa. A elección poética non é de balde, declara a influencia bouleziana tan presente en Macías: o poeta surrealista fora elevado aos altares da vanguardia musical ao calor da obra mestra de Pierre Boulez, Le marteau sans maître (1955)

MANUEL DEL RÍO Enrique X. Macías. A lira do deserto* 2020 | 40 min. | ESPAÑA | DOC | COR

Conversa a propósito de Enrique X. Macías. A lira do deserto coa participación de Ramón Souto (compositor e director artístico de Vertixe Sonora), Manuel del Río (cineasta) e Paco Yáñez (crítico de mundoclasico)

ENRIQUE X. MACÍAS La lyre du Désert (1988) electrónica

*Estrea mundial

Manuel del Río

A creación audiovisual do realizador galego Manuel del Río (Santiago de Compostela, 1974) caracterízase por un enfoque interdisciplinario no que dialogan as artes, a literatura e a música, como amosa o seu filme documental Correspondencias Sonoras (2013) e a súa curtametraxe No resplendor do día (2014), este último parte do Proxecto Nimbos.

Os seus traballos audiovisuais foron proxectados en son[UT]opías 2013 (Auditorio de Abanca), Cineuropa 2013 (CGAC), Festival FILMADRID 2015 (La Casa Encendida), RESIS Festival 2019 (Fundación Luis Seoane), amais de estar dispoñibles nas plataformas dixitais FILMIN e IN-EDIT TV.

En 2006 funda a gustav-mahler.es, web de referencia hispanohablante dedicada ao compositor austriaco Gustav Mahler.

Na súa vertente de crítico musical, para o semanario SantiagoSiete (2008-2013) escribe recensións nas que cobre as actividades musicais e cinematográficas da capital galega. Tamén realiza colaboracións en diferentes revistas musicais, así como notas ao programa para a Real Filharmonia de Galicia.