III Do Audible 2015
Charla e concerto

Incerteza

Vertixe Sonora con con Joan Bagés i Rubí (compositor) e Ana Ulla Miguel (astrofísica)

martes 20 octubre
20:30H
Café Moderno Afundación
Pontevedra

Incerteza
con Joan Bagés i Rubí (compositor) e Ana Ulla Miguel (astrofísica)

Colaboran: Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e Afundación

Programa:
Joan Bagés (España, 1977) …se ti non estiveses observándome, eu non estaría aquí… que incerteza! (2011-15) para frauta, clarinete, saxofón, violín, cello, piano, percusión, electrónica e vídeo

Formulada coma unha cosmogonía sonora que actualiza as teorías máis avanzadas de explicación do noso universo, en …se ti non estiveses observándome, eu non estaría aquí… que incerteza!, nunha combinación de física cuántica e matemática avanzada, insinúase unha realidade composta dun número infindo de universos ou multiversos. Esta obra explora o concepto de multiverso e a teoría cuántica como metáfora da articulación sonora, na que tanto os grupos instrumentais, a escritura musical, os recursos empregados así como os modos de produción sonora representan unha realidade múltiple que os científicos identifican coa nosa realidade física. Aínda que, sinceramente, pareza ciencia ficción!

A relatora: Ana Ulla Miguel
Ana Ulla Miguel é profesora titular do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo pola área de Astronomía e Astrofísica. Con anterioridade traballou en varios centros de investigación nacionais e estranxeiros e é membro de varias sociedades científicas. Participa, xunto con colegas da Universidade da Coruña, no proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Outras liñas de investigación e traballo inclúen a evolución estelar en fases avanzadas, a minaría de datos astrofísicos ou a astronomía cultural. Desde o ano 2000 organiza actividades de divulgación científica diversas, como por exemplo o Obradoiro de Astronomía e Astrofísica. Entre as súas afeccións destacan o cinema, o ballet e a música, en especial o canto lírico e o folk galego.

O compositor: Joan Bagés i Rubí (Flix, Lleida, 1977).
O seu traballo sonoro céntrase na música instrumental, a música electroacústica, as instalacións sonoras e os sistemas musicais interactivos. Lonxe de abordar estas facetas creativas como elementos independentes, o seu traballo traza un continuo baseado na creación de redes entre estas disciplinas. O que unifica o seu traballo creativo é a investigación permanente no que el denomina como a composición espectro-morfolóxica. Paralelamente, traza sistemas de notación gráfica derivados da notación convencional, utiliza os sistemas musicais interactivos para a xeración de partituras en tempo real e desenvolve o concepto de partitura sonora.

…se ti non estiveses observándome, eu non estaría aquí… que incerteza!

A representación da realidade física xa nutriu previamente obras anteriores da miña produción… hai certo interese persoal en deixarse inspirar, emocionar pola ciencia… Terá algo que ver que meu pai fose químico…?

Na existencia de universos múltiples, as propiedades de superposición (unha partícula pode atoparse en infinitos lugares simultaneamente), entrelazamento (dúas partículas mantéñense conectadas, por máis afastadas que estean, e codifican e descodifican información constantemente), incerteza (non hai nada definido nin preestablecido, todo se constrúe, e consecuentemente hai unha posibilidade real de intervir no rumbo das cousas), e aleatoriedade (un suceso non pode determinarse en ningún caso antes de que se produza) cobran especial relevancia. As teorías de multiversos enfróntase completamente á nosa experiencia sensible e sitúan as que considerabamos leis universais da física no nivel de propiedades do noso estado concreto do espazo.

VERTIXE SONORA
Alessandra Rombolà, frauta / Felipe Agell, clarinete / Pablo Coello, saxofón / Mario Peris, violín / Ailsa J. Regina, cello / David Durán, piano / Diego Ventoso, percusión