I Festival Vertixe VIGO 2013
Concerto

New York Counterpoint

STEVE REICH, DAVID LANG, JACOB TER VELDHUIS

Wednesday 30 October
20:30H
Librería Versus - Lilliput Galería
Vigo

Un programa sumerxido nas músicas populares que expresa a influencia dos medios de comunicación e a preponderancia da arte visual nunha época na que o modos de escoita tradicionais parecen cuestionarse. Con propostas de videoarte dos artistas visuais Guillemo Aymerich e Misha Bies Golas creadas especificamente para o proxecto a partires de filmacións da contorna.

STEVE REICH New York Counterpoint, videoarte de Guillermo Aymerich/ Claudia Zenatta
DAVID LANG Press Release, videoarte de Misha Bies Golas (estrea mundial)
JACOB TER VELDHUIS Grab it!, videoarte de Michiel Zegers

AS OBRAS

New York Counterpoint (1985)
para clarinete e cinta, ou para 11 clarinetes, foi encargada pola Fundación Fromm para o clarinetista Richard Stolzman. Nela, Reich desenvolve ideas que xa comezara a explorar en Vermont Counterpoint, e que continuaría investigando en Electric Counterpoint: trátase de enfrontar en vivo ao solista dun instrumento con son gravado previamente por el mesmo. No caso concreto desta obra, o músico toca xunto ao son pregrabado de dez clarinetes, dous deles baixos. A peza está estruturada en tres movementos: rápido, lento e rápido, que se suceden sen solución de continuidade. O cambio de tempo é abrupto e vén rexido por unha sinxela proporción: o central debe ser tocado á metade de velocidade que os extremos. O compositor xoga coa ambigüedade métrica do compás que utiliza, un 3/2 no que inclúe tres grupos de catro corcheas ou catro grupos de tres corcheas. No derradeiro movemento, prodúcese un xogo coa acentuación destes grupos co fin de dotar de variedade ao que non cambia.

Press Release (1992)
Escribín presión liberación en 1991 para Evan Ziporyn. Ao compor para unha persoa, non se poden obter todas as cores que terías cun ensemble ou orquestra, así que tes que imaxinar algún outro tipo de formulación interesante. Quería facer algo que fose moi rítmico. A idea orixinal desta peza é a dunha gran melodía que se alterna cunha liña grave de baixo, de maneira que se obtén un son agudo e un grave que se alternan o máis rápido posible para faceren coexistir estes dous mundos. Quería que a melodía superior e o baixo fosen recoñecibles, a liña de baixo como algo funk. Na música clásica, o baixo só apoia a melodía, que é onde está a acción. Sen embargo no funk é na liña de baixo onde a música realmente brila. Quén realiza as mellores liñas de baixo no mercado? Son un gran fan de James Brown, e, pensei, se queres unha boa liña de baixo, tes que acudir a James. Así que fixen que os cambios de chave soasen como a James Brown. Debido á forma na que o clarinete baixo funciona, pensei que tería que presionar as chaves de abaixo para facer todas as notas baixas, e liberar as chaves para facer as notas agudas …. presión liberación. Estaba moi orgulloso de min mesmo, porque pensaba que fixera esta broma divertida, pero máis tarde, foi o propio Evan quen me indicou: ”moitas das notas agudas tócanse cos dedos baixados, e moitas das graves cos dedos levantados. ” Pero non creo que pagase a pena cambiar o título.
David Lang

Grab it! (1999)
Aínda que fora orixinalmente escrita para saxo tenor e cinta con vídeo ad libitum para Arno Bornkamp —gravación recollida no álbum HEARTBREAKERS— existen varias versións da obra que varían a instrumentación e inclúen improvisación.
Achégase ao aspecto sórdido da vida na sociedade marxinal a partires de gravacións de conversas procedentes do documental Scared Straight, sobre prisioneiros estadounidenses no corredoiro da morte. A melodía e o ritmo desas gravacións constitúen a temática musical da composición.
En palabras do propio JacobTV “Unha das razóns polas que me interesa compor música con este tipo de material sonoro (gravacións de campo) é porque conteñen en sí mesmas unha emoción auténtica.”

OS COMPOSITORES

Steve Reich (New York, 1936)
A súa música influíu a compositores e músicos populares de todo o mundo. Liderou aos pioneiros do minimalismo desde a súa mocidade, o que supuxo romper bruscamente co “establishment”, que era entón a música serial. A súa linguaxe musical facilmente recoñecible caracterízase por unha pulsación firme, a repetición, e unha fascinación polos canons, que combinan estruturas rigorosas con ritmos de propulsión e unha cor instrumental sedutora. Tamén traballa con harmonías da música vernácula non occidental e de América (especialmente o jazz). Os seus estudos inclúen o Gamelán indonesio, os tambores africanos (na Universidade de Ghana), e as formas tradicionais de entonación das escrituras hebreas.
Con Different Trains conseguiu un Grammy á mellor composición contemporánea e un segundo premio pola Música para 18 músicos e a súa “ópera de vídeo documental” The Cave e Three Tales, xunto á artista de vídeo Beryl Korot — que ampliaron as fronteiras do medio operístico. A través dos anos a súa música creceu de maneira significativa, expandindo as harmonías e a instrumentación, o que deu coma resultado un premio Pulitzer pola súa composición de 2007, Double Sextet .
A música de Reich foi interpretada polas principais orquestras e conxuntos de todo o mundo, incluída a de Nova York e a Filarmónica de Los Ángeles, e as orquestras sinfónicas de Londres, San Francisco, Boston a BBC, a London Sinfonietta, o Kronos Quartet, o Ensemble Modern, o Ensemble Intercontemporain, Bang on a Can All-Stars, e eight blackbirds. Varios coreógrafos notables crearon danzas coa súa música, como Anne Teresa de Keersmaeker, Jirí Kylián, Jerome Robbins, Wayne McGregor e Christopher Wheeldon.
“Hai só un puñado de compositores vivos que lexitimamente pode reclamar alterar o curso da historia musical e Steve Reich é un deles ” – The Guardian ( Londres)
[Reproducido co permiso de Boosey & Hawkes]

David Lang (Los Angeles, California, 1957)
Nacido en 1957 o pasional, prolífico, e complexo compositor David Lang encarna o espírito inquedo da invención. Lang é, ao mesmo tempo, profundamente coñecedor da tradición clásica e moi comprometido coa música que se resiste á categorización, creando constantemente novas formas.
En verbas do The New Yorker, “co recoñecemento do Premio Pulitzer para a apaixonada A nena dos fósforos (unha das partituras máis orixinais e conmovedoras dos últimos anos), Lang, unha vez enfant terrible do postminimalismo, consolidou a súa posición como gran mestre americano”.
Moitas da pezas de Lang só comparten a feroz intelixencia e a claridade de visión que informan as súas estruturas. O seu catálogo é moi amplo, e a súas óperas, obras para orquestra, de cámara e solistas son por momentos etéreas, urxentes, hipnóticas e inquietantes, e moi directas emocionalmente. Gran parte da súa obra busca ampliar a definición de virtuosismo na música —mesmo as pezas aparentemente simples poden ser diabólicamente difíciles de interpretar e requiren dunha concentración incrible por parte de músicos e público.

Jacob Ter Veldhuis (Westerlee, Netherlands, 1951)
O compositor de pop de vangarda Jacob TV (tamén coñecido como Jacob Ter Veldhuis, 1951) comezou coma un músico de rock e estudou composición e música electrónica no Conservatorio de Groningen, onde foi galardoado co Premio de Composición holandés en 1980. Durante os anos oitenta fíxose un nome con composicións melódicas, que directamente ían dirixidas ó corazón con gran efectismo. “A miña música mestura a pementa co azucre” diría.

Jacob TV está preocupado polos medios de comunicación estadounidenses e os acontecementos do mundo e recolle a súa materia prima directamente desas fontes. A súa obra posúe unha forza explosiva e unha enerxía crúa que combina cun deseño arquitectónico extraordinariamente complexo. TV fai un uso excelente da electrónica, incorporando son dos discursos políticos, de comerciais, de entrevistas, de talk shows, TVangelists , e todo o que teña a man creando unha colorida mestura de alta e baixa cultura.

As longas colas nos despachos de billetes para os catro día do Festival Jacob TV en Róterdan en 2001 deron conta da crecente popularidade deste compositor, tanto en Holanda coma no estranxeiro. O seu Goldrush Concerto, o Terceiro Cuarteto de corda e varias das súas chamadas pezas boombox como Grab It! convertéronse en hits, e varios coreógrafos buscaron inspiración na súa música.

Ao comezo da súa carreira, Jacob TV enfrontouse ao que el chama a “vangarda descolorida”, o que o convertiu nunha figura controvertida nalgúns círculos. Esfórzase por liberar á música nova do seu illamento mediante o emprego dunha linguaxe directa —ás veces provocadora— que rexeita “a disonancia”, que en opinión de TV reflicte un medio completamente devaluado de expresión musical. A súa ‘posta de longo ‘ coma compositor de música meliflua ultratonal acadou o seu punto culminante co oratorio de vídeo Paradiso. No Festival de Holanda de 2005, a estrea de … AGORA … para orquestra estereofónica realizada coa Royal Concertgebouw Orchestra foi recibida con intensas ovacións do público en pé.

TV é un dos compositores holandeses contemporáneos máis interpretados. En maio de 2007, un festival de tres días JacobTV tivo lugar no Museo Whitney de Arte Americana en Nova Iorque. Recentemente bastamusic.com lanzou unha colección de tres caixas que contiña 11 horas de audio e vídeo.

OS VÍDEOARTISTAS

Guillermo Aymerich (Santiago de Compostela, 1964)
“vivir é pasar dun lugar a outro facendo o posible para non golpearse”. Georges Perec
Pintor picante. Desde os anos 80 realiza 24 exposicións individuais e participa en máis de 200 colectivas en todo o mundo.
Durante a súa estancia en Nova Ioque en 1994, comeza a desenvolver proxectos de pintura específica en relación cun lugar, sempre centrados nas múltiples relacións existentes entre a pintura e a fotografía.
A necesidade da viaxe en busca de estímulos específicos do lugar lévalle a facer series na costa este neoiorquina, os alpes bávaros, a bretaña francesa, o finisterrae galego, o deserto máis meridional europeo en cabo de gata, o nordeste brasileiro, a ribeirega shanghai, a porteña casablanca, a central beijing, a bohemia occidental, os balcanes bosníacos, a mongolia interior, a vertical hong kong, a corea sudista, a marítima osaka… as próximas escalas serán a caribeña costa colombiana e o ecuador asiático dende malasia até Indonesia.
Os seus destinos son coidadosamente seleccionados a priori, inventando xeometrías de significado ou vínculos de posición no mapa.
Estes desprazamentos posibilitan traballos artísticos en series cunha compoñente procesual que relaciona no seu libro “Un método de pensar o lugar”: a obra artística, próxima ao traballo de campo, na que a paraxe condiciona as distintas solucións derivadas da relación pintura/fotografía.
As súas obras atópanse en 33 museos e institucións ademáis de numerosas coleccións privadas.

Misha Bies Golas (Lalín, 1977)
Misha Bies Golas aprópiase da idea dadaísta de ready-made para construír un traballo determinado pola presenza da crítica como modus operandi. O collage como forma de desenvolvemento, a seriación e a selección do motivo en relación á esfera vital, aparecen como claves para definir unha obra en continua relación co literario, o cinematográfico e as estructuras musicais.

O INTÉRPRETE
VERTIXE SONORA Xocas Meijide, clarinete | , difusión electroacústica

O ESPAZO
Librería Versus
Librería Versus naceu en 1998 coa clara intención de se converter nun espazo de referencia cultural. Ademáis de manter unha coidada selección de fondos literarios, organiza presentacións de libros, concertos e colabora con outras entidades culturais da cidade coma Vertixe Sonora, Sinsal Audio ou A Madriña Asociados.
Dende maio de 2012 é sede da Galería Lilliput, unha microgalería de arte, creada por iniciativa de Marta Becerro e Ángel Cerviño, que ocupa o espazo dunha vitrina de 50 x 50 x 200 cm, cedida por A Madriña Asociados, na que xa expuxeron algúns dos máis relevantes artistas contemporáneos galegos e ao redor da cal se articulan charlas e conferencias sobre música, arquitectura, arte e pensamento.

CO PATROCINIO DE:
Horta Ecolóxica TIRABEQUE
Tirabeque é unha horta ecolóxica adicadas a cultivar e comercializar as súas propias verduras, hortalizas, legumes e aromáticas ecolóxicas. Unha vez á semana entréganas na casa dos seus clientes. Frescura e sabor son as palabras que definen os seus produtos.

Adega Corisca
Pequena adega familiar situada en Tuy, é a unica adega da D.O. Rias Baixas que elabora un albariño 100% ecolóxico. A nosa preocupación por cultivar coa natureza e non contra ela, producindo de maneira consciente, levounos a transformar os viñedos en agricultura ecolóxica; e producir así un viño de calidade que ademáis fose ecolóxico
O noso Corisca, é un viño que sae exclusivamente dos viñedos da nosa propiedade, cunha produción limitada a 8.000 botellas. A nosa terra, o noso clima e a nosa uva ecolóxica fan a combinación perfecta para obter un viño feito de forma natural, cunha gama de matices que se desenvolven co debido tempo que pasa en botella.