Saltar navegación

Viaxe ao centro da terra

Para facer esta actividade cecáis precisas dun auricular...

Introduce 50 Hz no recadro numérico e dalle a intro. Sitúate os cascos e regula o volume (non lle des demasiada potencia) de maneira que escoites suficientemente. Escoitarás un son moi grave, mola, non sí?

Pulsa o cursor e namentras o mantés pulsado deslízate cara abaixo. Haberá un punto no que deixes de percibir un son contínuo. Saberías dicir ónde?

Normalmente trátase dun punto entre 15 Hz e 25Hz (por exemplo eu escoito en 10 Hz cáseque unha batida de metralleta). En xeral as oscilacións de moi baixa frecuencia as percibimos coma latexos ou pulsacións, e non coma sons continuos. Son cifras medias, algunhas persoas son capaces de escoitar inda coma altura continua, sons tan baixos coma 15 Hz.

 

 

[Fonte: fundamental]

Actividade de lectura

"As frecuencias extremadamente graves, ou mesmo por baixo do rango audible, 20 Hz aproximadamente, están presentes en fenómenos naturais como as tormentas ou os terremotos e en certas culturas adoitan asociarse con sensacións de "perigo, tristeza ou melancolía"? converténdose nun procedemento moi efectivo, especialmente para algúns compositores do século XIX que crían na música "absoluta" como unha linguaxe capaz de expresar sentimentos inexplicables doutro xeito. É habitual atopar frecuencias de 30.87 Hz -o que se corresponde coa nota Se0- para cuxa execución era necesario utilizar contrabaixos con extensión ou con cinco cordas, un límite pronto superado polo Octabaixo incluído en obras de Berlioz, Borodin, Brahms, Mahler ou Stravinsky, entre outros. Aínda que o primeiro prototipo deste instrumento de tres cordas construído por Jean-Baptiste Vuillaume en 1849, que rolda os 4 metros de altura, non achegaba frecuencias máis graves que as conseguidas polo contrabaixo estendido, segundo as especificacións do propio Hector Berlioz na actualización publicada en 1855 da súa Grand traité d´instrumentation et d´orchestration modernes, algunhas versións posteriores chegan a alcanzar os 16.25 Hz (Do0), a mesma frecuencia límite do piano Imperial da firma Bösendorfer. Un modelo especial dotado de 9 teclas adicionais no grave encargado por Busoni en 1900 para poder adaptar algunhas das obras compostas para órgano por J. S. Bach que incluían este ton infrasónico.

 

[Fonte: Octobaixo]

Precisamente un experimento levado a cabo en 2003 pola Hertfordshire University e o National Physical Laboratory relaciona estas frecuencias emitidas polo órgano cun sentimento de “intensificación do estado emocional de quen o escoita" e con sensacións de ansiedade ou exaltación causadas polo incremento do ritmo cardíaco que poderían contribuír a alimentar o fervor relixioso. E mesmo o psicólogo Richard Wiseman suxeriu a posibilidade de que algúns fenómenos asociados con percepcións paranormais poidan ter a súa orixe na exposición a vibracións constantes ao redor dos 19 Hz reforzadas por ondas estacionarias nos lugares nos que se producen.

A asociación do subsónico co sobrenatural aparece tamén en certas prácticas shamánicas, seguindo hipóteses da arqueacústica sobre as propiedades dalgúns espazos capaces de amplificar drasticamente os subgraves dos instrumentos de percusión. E moito máis evidente é o uso do Uher-buree no repertorio budista, unha trompeta de 5 metros moi utilizada en zonas do Himalaya proxectando o seu son cara a as montañas para producir un tremendo eco e unhas frecuencias infrasónicas ás que se lle atribúe o poder de unir ceo e terra, a luz e a escuridade.

 

[Fonte: trompas tibetanas]

 

De feito esta idea simbólica das frecuencias graves como un nexo entre o "ceo e a terra", entre o inmaterial e o material, o intangible e o tanxible, achégase moito a como experimentamos os sons que se sitúan no limiar inferior. Como explican Jeremy Gilbert e Ewan Pearsons "a diferenza entre a materia e a enerxía pódese expresar en termos dunha simple diferenza entre as velocidades ás que vibran as partículas, é dicir, que as partículas que xeran materia vibran máis amodo que as que xeran enerxía". Deste xeito, a medida que descendemos en altura o son cobra maior densidade, canto máis grave é, máis "materialidade" posúe, máis omnidireccionalidad adquire e máis "real" é a súa presenza intensificando a sensación inmersiva. Un fenómeno do que estilos musicais como o Dub abusaron intencionadamente para delimitar o dance hall como espazo "ritual" no que "o baixo actúa como unha caída da presión [...], as frecuencias máis baixas convértense en muros espectrais de infrapresión que che dobran e métenche en bolsas colosais de aire sólido, terrapléns quentes que xorden para rodearche"

[Fonte: Artigo de Xoan-Xil López en Mediateletipos]