Saltar navegación

Sonificando a realidade

 

 

Recordas o Inverno de Vivaldi?

É unha das pezas máis citadas da historia da música. Nela trataba de representar esta estación dende unha perspectiva fenomenolóxica... ou das sensacións que nos produce o inverno.

Aquí podes atopar outra aproximación ó inverno. Dame un calafrío. Neste caso móstrase directamente o son de xeo.

[Fonte: La Charca]

Pero e se quixéramos representalo de xeito máis científico, tomando por exemplo coma fonte da nosa aproximación as medicións meteorolóxicas? Podería ser incluso unha aproximación inda máis personal, tomando, por exemplo, coma valores de frecuencia da nosa composición os datos de temperatura que rexistra o coche familiar durante este periodo de tempo ou ben a nosa propia temperatura corporal.

Ese tipo de sonificación de datos numéricos, relaciónanse de xeito completamente natural coa música electrónica feita con computadores, ós que coma ben sabes, lles encantan os números.

Propóñote un exercicio. Fai click neste enlace da AMET que nos leva á páxina do centro estatal de meteoroloxía.

Procura a cidade máis cercana do lugar onde vivas. Nos cadros de diálogo de selección que ofrece a páxina (están situados á dereita na sección inferior e superior) escolle abaixo comunidade e pulsa buscar, logo escolle a cidade que che interese e pulsa buscar. Finalmente arriba selecciona todas e pulsa buscar. Se o fixeches correctamente obterás 5 gráficos de temperatura vento precipitación presión e humidade. Imos empregar estes gráficos coma partituras.

 

Eixos cartesianos

O eixo das y (vertical) daranos o valor das frecuencias e o eixo das x (horizontal) indicará o paso do tempo. Podes establecer diferentes rangos de frecuencia ou marcos temporais por gráfico ou incluso reinterpretar cada gráfico de xeitos diferentes.

Así o trazo dun mesmo gráfico pode interpretarse nun segundo —coma un xesto rápido— en cinco, nun minuto ou na duración total da túa obra —coma un bordón que se move lentamente— Do mesmo xeito o eixo das y (recorda! vertical) pode indicar frecuencias en todo o espectro audible 20Hz a 20kHz, ou ben un rango determinado (por exemplo ó de un piano —de 27 a 4100, pensa no que fixo Chopin con tan limitado rango de frecuencias— ou as frecuencias ultragraves, de menos de 50Hz).

 

 

A tocar!

Co teu instrumento electrónico xerador de ondas seno Meu.Primeiro.Son xa podes tocar os diferentes gráficos facendo tantas variacións coma consideres oportuno na dirección que acabamos de comentar. Mentre o fas vai grabando en Audacity o resultado en diferentes pistas mono. Agora tes que crear unha estructura que resulte interesante dende unha perspectiva musical. Podes empregar os atallos de teclado (ctrl+X, cortar; ctrl+C, copiar; ctrl+V, pegar) Se botas en falta algún rango de frecuencia recorda que só tes que reinterpretar o gráfico nese marco. O mesmo no caso das duracións.

Este é o momento crucial da composición. O que escoite a peza vai ter unha perspectiva da mesma en base a especial forma na que ocupe o tempo a túa obra e no modo en que sexas quen de xestionar esta variable. O primeiro tes que decidir unha duración. Queres que e perciban moitas seccións diferentes?, que sexa unha especie de continuo?, que haxa cambios de densidade (varias gravacións soando conxuntamente?, ou sempre o mesmo número?, cál é este número 1 ou 3? etc...). As variables son infinitas. Pon a traballar a túa imaxinación para sacarlle partido ó material bruto dende unha perspectiva musical da que cecáis poida adolecer.

En calquera caso este tipo de aproximacións poden resultar realmente moi estimulantes porque dan lugar a resultados completamente distantes daqueles ós que chegarías dende un achegamento, digamos, máis convencional.

Finalmente se precisas de maior variedade podes manipular cos efectos de transformación de son que proporciona o programa. E continuar modificando o resultado sonoro se non acaba de satisfacerte, pero non te demores, tes que publicar o teu traballo antes do 1 de outubro para poder participar na vindeira edición dos Grammy!!