Presentación

Colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia, Vertixe Sonora Ensemble favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea. Está formado por artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e a danza cunha común vontade por desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global que atopan na procura da excelencia artística e no forte compromiso coa música e os creadores do noso tempo a súa razón de ser.

Xurde co afán de manter unha estructura estable de encomendas, favorecer a creación de produccións musicais de actualidade e dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular dun xeito que resulte significativo nunha perspectiva internacional.

A partires dunha conciencia da multiplicidade no achegamento ó sonoro establece un constante diálogo e interacción co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras formas artísticas da contemporaneidade desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que non renuncia nin ó rigor, nin á transgresión nin ó espíritu de
vangarda.